+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Novembro de 2019

O CONCELLO DE BAIONA MELLORA AS CONDICIÓNS LABORAIS DOS EMPREGADOS MUNICIPAIS GRAZAS ÁS SÚAS CONTAS SANEADAS


A taxa de reposición poderá ser das 110% grazas ao cumprimento da lei de estabilidade

O Concello de Baiona poderá cubrir toda a taxa de reposición, xerar unha porcentaxe de emprego público e mellorar as condicións laborais dos empregados municipais grazas a «a boa xestión económica».

Celebrouse unha Mesa de Negociación no Concello de Baiona na que se acordaron numerosas medidas.
Tras a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018, establecéronse as directrices e medidas que afectan o conxunto dos empregados públicos municipais, tales como a Oferta de Emprego Público ( OEP) e taxa de reposición, a xornada de traballo, ou a prestación económica en caso de incapacidade laboral.
Algunhas destas medidas están condicionadas ao resultado económico do ano anterior, como sucede coa Oferta de Emprego e a redución da xornada laboral, que repercuten directamente na creación de emprego.
Na Oferta de Emprego
Segundo a Lei de Orzamentos, a taxa de reposición poderá ser do 100 por cen se se cumpren os obxectivos de estabilidade orzamentaria, débeda pública e regra de gasto. Poderá haber unha taxa o 8 por cento adicional para reforzos dalgúns sectores, sempre no marco de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, que poderá chegar ao 10 por cento para os concellos que tivesen amortizada a débeda financeira ao 31 de decembro do ano anterior.
O Concello de Baiona cumpre os obxectivos de estabilidade orzamentaria, débeda pública, regra de gasto e amortización de débeda financeira, polo que poderá establecer unha OEP cun 110 por cento da taxa de reposición de efectivos.

En canto á xornada laboral
A Lei de Orzamentos mantén trinta sete horas e media semanais, pero permite mediante negociación colectiva establecer outras xornadas distintas, “ou unha repartición anual da xornada en atención ás particularidades”, condicionado igualmente á estabilidade orzamentaria, débeda pública e regra de gasto.
O cumprimento dos condicionantes económicos permite reducir a xornada aos empregados ata as 35 horas que tiñan antes dos recortes.
Nos supostos de incapacidade temporal.
Na Mesa acordouse por unanimidade establecer un complemento retributivo desde o primeiro día de incapacidade temporal que, sumado á prestación da Seguridade Social, alcance o 100% das retribucións fixas do mes de inicio da baixa, e deseñar un plan de control do absentismo con periodicidade polo menos semestral.
O Alcalde de Baiona, Anxo Rodal, manifestou que “a boa situación económica vai permitir ampliar a Oferta de Emprego ata o 110% da taxa de reposición, permitindo a creación de postos de traballo polo que a súa importancia repercute en toda a sociedade. Tamén permiten a mellora das condicións laborais dos empregados públicos».
Rodal matiza que: “Baiona volve ser un referente no Val Miñor, debido a que no día de hoxe posiblemente sexamos o primeiro concello que melloramos as condicións laborais dos empregados municipais. Conseguimos tres modificacións sumamente importantes para a calidade de vida dos nosos traballadores que en breve poderán obter a integridade do seu soldo sen ningún tipo de desconto cando se atopen de baixa por enfermidade común non perdendo así poder adquisitivo. Ademais, podemos contar con dúas novas prazas para cubrir as carencias que temos de persoal e rebaixamos a xornada laboral a 35 horas semanais. Sinto moi satisfeito porque todo isto foi posible porque Baiona cun goberno responsable cumpre cos obxectivos de estabilidade orzamentaria, sen débeda e cumprindo a regra de gasto, sendo un concello exemplar na comarca”.

Deja un comentario