+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

MÁIS DE 80 RAPACES DE MORAÑA PARTICIPAN NA LUDOTECA MUNICIPAL ARTELLADA PARA FAVORECER A CONCILIACIÓN FAMILIAR DURANTE O VERÁN


A alcaldesa, Luisa Piñeiro, compartiu a derradeira xornada cunha festa de despedida, que se prolongará pola tarde co tobogán xigante

 

O Concello de Moraña clausurou a ludoteca municipal de verán, que contou coa participación de máis de oitenta cativos durante os meses de xullo e agosto e que foi artellada como a principal iniciativa do Plan de Conciliación Estival. Ao abeiro do mesmo, o goberno local pretende conceder un respiro aos proxenitores e facilitar a súa vida laboral ao tempo que se afonda na formación e o lecer dos rapaces do municipio.

Con motivo do peche desta actividade, esta mañá organizouse unha festa de despedida na Casa da Cultura que contou coa presenza da alcaldesa, Luisa Piñeiro, que departiu cos monitores e os cativos e confirmou a satisfacción unánime. “Cremos que a ludoteca é fundamental por todo o que supón, especialmente no eido da conciliación, e ademais está moi ben valorada e conta cunha asistencia crecente de nenos, polo que, sen dúbida, volveremos a organizala o vindeiro verán”, sinalou.

A ludoteca desenvolveuse todos os días laborables con cinco horas ininterrompidas de actividades en quenda de mañá e incluiu xogos, manualidades, obradoiros e prácticas deportivas centralizadas principalmente na Casa da Cultura, aínda que tamén houbo saídas a parques, á piscina ou a sendas biosaudables co obxectivo de facela máis dinámica e entretida.

Ademais, malia que a ludoteca clausurouse esta mañá cun encontro de despedida, moitos dos seus participantes van asistir, esta mesma tarde, á Festa Infantil Acuática con tobogán xigante e Festa da Escuma que se celebrarán na contorna do centro médico e que servirán para despedir a programación municipal deste verán para todos os rapaces de Moraña.

A rexedora amosou a súa satisfacción pola iniciativa, xa que, máis aló de favorecer a conciliación e axudar ás familias, “tamén permite que os nenos deste concello que non viaxan por vacacións en xullo e agosto teñan un verán divertido cheo de
actividades e caracterizado polo compañeirismo e o bo ambiente”.

Deja un comentario