+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

PONTE CALDELAS CONTRATARÁ DÚAS PERSOAS PARADAS EN SITUACIÓN DE RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL


Os contratos terán unha duración total de sete meses

O Concello de Ponte Caldelas está rematando os trámites para a contratación de dúas persoas do municipio, perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga), co obxectivo de reforzar o persoal municipal dedicado ás labores de mantemento e de apostar pola reinserción laboral.
O Servizo Público de Emprego xa remitiu unha listaxe previa de 10 candidatos/as, ás que poden sumarse aínda, ata o día 4 de setembro, as que cumpran os requisitos da convocatoria das subvencións da Xunta de Galicia para a contratación temporal de persoas en risco de exclusión social, entre os que destaca estar inscrito como demandante de emprego e figurar como empadroado/a en Ponte Caldelas.
Na selección final terán preferencia os/as candidatos/as que teñan xa asignado un proxecto de inserción laboral, os maiores de 45 anos e aqueles/as que teñan cargas familiares. Todo elo de acordo coas bases da convocatoria e incluíndo unha proba práctica para avaliar a destreza nos labores encomendados.
Os contratos durarán 7 meses a xornada parcial de 30 horas semanais. Durante este tempo realizaranse labores de corta da broza en zonas verdes e xardíns, limpeza de espazos públicos, plantacións e outras labores relacionadas co servizo.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) aposta así novamente pola inserción laboral da súa veciñanza, toda vez que estas dúas novas contratacións súmanse ás realizadas no pasado mes de abril no marco do Plan de Emprego da Deputación Provincial, que serviu para a contratación doutras 10 persoas paradas do municipio que xa están reforzando temporalmente as brigadas municipais.
Unhas contratacións ás que compre sumar os diversos cursos organizados directamente polo Concello para a formación laboral de persoas paradas e que, ata o de agora, centráronse nos subsectores da hostalería e da construción e montaxe de estruturas metálicas.

Deja un comentario