+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019

PONTE CALDELAS ESIXE A AUGAS DE GALICIA O ARQUIVO DEFINITIVO DO EXPEDIENTE DO TRASVASE DO RÍO VERDUGO


O Concello caldelán, satisfeito cos últimos avances, informa tamén ao Goberno de España das incongruencias técnicas e ambientais da obra

O Concello de Ponte Caldelas celebra, coa máxima prudencia, o cambio de postura que comeza a chegar dos concellos da Área de Vigo, que nos últimos días expresaron a súa renuncia á obra do trasvase do río Verdugo ao seu sistema de abastecemento e apostan agora por “unha solución definitiva”, na liña das opcións baralladas no estudo de alternativas do ano 2011 desvelado por Ponte Caldelas o pasado mes de marzo.
Diante dos últimos acontecementos, o Concello caldelán “non baixará a garda” e seguirá defendendo o patrimonio natural e a dignidade dun pobo e un municipio que exerce, con plenos poderes, a súa autonomía local.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) entende que despois da recente entrevista entre a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na que este decantouse por estudar o travase dende o Miño ou unha represa no Oitavén, augas arriba de Eiras, “a peregrina idea de trasvasar dende o Verdugo quedou descartada”. Máis aínda despois das declaracións, na mesma liña, dos alcaldes e alcaldesas dos 12 concellos que se abastecen de Eiras.
A pesar disto, o Concello caldelán xa fixo chegar ao Goberno de España, a través de contactos informais, as incongruencias técnicas do pretendido trasvase do Verdugo, a súa inutilidade para solucionar as carencias no abastecemento ao Sur da provincia, así como o impacto ambiental que suporía. A información foi trasladada coa intención de facela chegar á ministra e tamén á sociedade estatal Acuaes.
Ao mesmo tempo, diante da evolución dos acontecementos, Ponte Caldelas solicita formalmente ao presidente de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, que arquive o expediente das obras de trasvase do río Verdugo. Un expediente que, a día de hoxe, segue vivo polo procedemento ordinario. “Oficiosamente xa me dixeron que está nun caixón coa escusa de que non hai consenso”, afirma o alcalde, Andrés Díaz, “pero sería bo que a Xunta de Galicia demostrase pulcritude administrativa comunicándonos o arquivo, toda vez que xa nos solicitaron informes urbanísticos nunha especie de ficción de tramitación que non poden seguir mantendo máis tempo”.
O Concello de Ponte Caldelas foi un firme opositor ao proxecto de trasvase dende que este proxecto foi anunciado por Augas de Galicia e o Concello de Vigo o pasado mes de outubro. A primeira batalla administrativa foi contra a declaración de emerxencia (procedemento co que Augas pretendeu esquivar a licenza municipal e a información pública). A segunda consistiu na advertencia clara dunha demanda xudicial na vía contenciosa, dado que a obra ía ser cofinanciada polo Concello de Vigo (nun claro caso de nulidade por extraterritorialidade) e, ademais, contradicía os estudos técnicos de alternativas elaborados por Augas de Galicia en 2011, que descartaron o río Verdugo. Con estes precedentes, o convenio entre Augas e Vigo non chegou a asinarse e o Consello da Xunta abstívose de aprobar calquera acto administrativo relacionado coa obra.
Namentres, Ponte Caldelas destapou a existencia dun estudo de Augas de Galicia do ano 2011 que aposta claramente por reforzar o absatecemento a Área de Vigo cun trasvase dende o río Miño, ou, como segunda opción, a construción dunha represa no Oitavén, augas arriba de Eiras. Ou sexa, as mesmas solucións definitivas que agora valoran moitos dos alcaldes e alcaldesas afectados, nun sorprendente cambio de opinión.
Ademais, Ponte Caldelas tamén revelou que as propias series hidrográficas de Augas de Galicia demostran que o río Verdugo non carrexa suficiente auga en 7 de cada 10 anos como para soster un trasvase como o proxectado sen afectar ao seu caudal ecolóxico.

Deja un comentario