+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

200 NENOS E NENAS PARTICIPAN NA ÚLTIMA QUENDA DO VERÁN DE “DEPO AVENTURA A LANZADA”


Un total de 2.000 nenas e nenos, de entre 8 e 13 anos e de todos os puntos da provincia, gozaron do programa da Deputación de Pontevedra no que vai de verán

A última quenda do campamento de verán “Depo Aventura A Lanzada”, no que participarán 200 nenos e nenas de todos os puntos da provincia, comezou este domingo e clausurarase o próximo sábado 8 de setembro. Este programa da Deputación de Pontevedra, que está destinado a nenas e nenos de entre 8 e 13 anos, desenvólvese no Centro de Vacacións da Lanzada.

A finalidade deste programa é a de achegar á mocidade actividades que contribúan ao seu enriquecemento persoal, á adquisición de habilidades sociais e ao coñecemento de espazos de interese fóra da súa contorna habitual. Polo tanto, as actividades ofertadas serán de carácter lúdico-educativo, cultural, deportivo ou formativo.

A principal novidade do Depo Aventura desta edición vén dada pola reposta e o compromiso adquirido tras a vaga de lumes (que asolou a provincia o ano pasado) de introducir actividades de formación e educación ambiental. Por iso, en cada unha das quendas haberá unha actividade centrada na concienciación sobre a posta en valor dos montes e na prevención dos lumes.

En total, as prazas ofertadas pola institución provincial para este campamento de verán ascenderon a 2.200, sendo 300 delas gratuítas para aquelas familias que se atopen en situación ou risco de exclusión social, algo que o Goberno de Carmela Silva leva facendo dende a súa chegada.

Xunto a esta actividade, os campamentos da Deputación tamén están orientados á consecución de hábitos saudables, ao fomento de actitudes solidarias e de convivencia, á promoción da educación e da igualdade de xénero e ao fomento do respecto ao medio ambiente. Ademais, tamén se inclúe unha visita á Illa de Ons e outra de carácter cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e, ao igual que aconteceu o ano pasado, deberanse impulsar actividades en lingua inglesa co obxectivo de mellorar o dominio do idioma nun contexto de lecer.

Deja un comentario