+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O PROGRAMA DA DEPUTACIÓN “DEPO EN MARCHA 2018” ACHEGA ESTA SEMANA DOCE NOVOS OBRADOIROS A ONCE CONCELLOS DA PROVINCIA


Desde este luns participarán máis de 200 persoas de Silleda, O Grove, Covelo, Ponteareas, A Estrada, Mos, Tomiño, Pontevedra, Salceda de Caselas, Marín e Baiona

Ao longo desta semana un total de 224 persoas asistirán en Silleda, O Grove, Covelo, Ponteareas, A Estrada, Mos, Tomiño, Pontevedra, Salceda de Caselas, Marín e Baiona aos doce novos obradoiros enmarcados no programa “Depo en Marcha 2018”, a iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros e actividades formativas que lles permitan mellorar a súa calidade de vida.

Máis polo miúdo, o luns en Silleda comezarán dous novos cursos. Nun participarán 16 persoas da Asocicación Cultural de Andemil e noutro, 17 persoas da Asociación de Veciñal e Cultural de Cortegada. Ambos serán de Aerodance e impartiranse os luns e os mércores, o primeiro de 17:00 a 18:00 horas, e o segundo de 18:00 a 19.00 horas. Estes dous obradoiros rematarán o 12 de decembro.

Pola súa banda, no Grove, 24 persoas da Cofradía de Pescadores San Martín comezarán este luns 3 de setembro un curso de conservas artesanais que impartirase todos os luns de 18:30 a 21:30 horas ata o 5 de novembro. No caso de Covelo, 15 persoas da Asociación Cultural Deportiva Río Xabriña de Paraños participarán todos os luns ata o 10 de decembro no obradoiro conservando a memoria. O horario deste curso será de 10:00 a 12:00 horas.

En Ponteareas, 15 persoas da Escola de Danza e Música Tradicional Pedra da Garza tamén empezarán este luns o obradoiro conservando a memoria, que impartirase ata o 10 de decembro en horario de 17:00 a 19:00 horas. Tamén a partir deste luns 3 de setembro, un grupo de 22 persoas da Asociación de Veciños da Parroquia de Orazo, da Estrada, iniciarán un novo obradoiro de ximnasia de mantemento que se desenvolverá os luns e martes ata o 11 de decembro, en horario de 18:00 a 19:00 horas.

Pola súa parte, o Centro Recreativo e Cultural de Torroso de Mos organizará dende o martes 4 de setembro un obradoiro de Aerodance no que participarán 24 persoas. O curso será impartido os martes e xoves, en horario de 20:30 a 22:30 horas, ata o vindeiro 23 de outubro.

En canto ao mércores 5 de setembro comezará en Tomiño un obradoiro de risoterapia no que participarán 19 persoas da Asociación de Veciños de Sobrada. Este curso impartirase ata o 12 de decembro todos os mércores en horario de 16:30 a 18:30 horas. Pola súa parte, tamén o mércores comezará en Pontevedra un obradoiro de ximnasia de mantemento que será cursado por 17 persoas da Agrupación Comarcal de Pensionistas CCOO. Este curso terá lugar os luns e mércores de 18:00 a 19:30 horas ata o 12 de novembro. Amais, en Salceda de Caselas, 26 persoas da Asociación de Veciños de San Xurxo cursarán a partir do mércores 5 de setembro un obradoiro de bailes de salón que terá lugar os mércores e venres en horario de 20:00 a 21:00 horas.

Para rematar, o xoves 6 de setembro comezarán outros dous novos cursos, un en Marín e outro en Baiona. En Marín, 15 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Mogor empezarán o obradoiro conservando a memoria, que impartirase os xoves ata o 27 de decembro en horario de 10:00 a 12:00 horas. Pola súa parte, en Baiona, 14 persoas da Asociación de Veciños Castro e Ladeiras de Sabaris gozarán todos os xoves ata o 27 de decembro dun curso de teatro, dito obradoiro celebrarase en horario de 19:00 a 21:00 horas.

“Depo en marcha 2018” conta cun orzamento de 120.000 euros e desenvólvese a través de 166 obradoiros nun total de 37 concellos da provincia. As actividades diríxense a entidades de maiores, persoas pensionistas, prexubiladas, xubiladas e outras entidades sociais da provincia. Englóbanse en oito áreas temáticas: “Traballando coas mans”, “Entre fogóns”, “Aprendendo da natureza”, “Móvete”, “Activando corpo e mente”, “Enredando”, “Dálle marcha” e “En rede”.

O obxectivo é favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de actividades que lles permitan mellorar a súa calidade de vida, establecer relacións sociais e fomentar a participación social. Búscase ademais promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer así a súa independencia para evitar o illamento e a soidade.

Deja un comentario