+034 986 09 02 04 Venres 30 de Outubro de 2020

“PONTEVEDRA PRECISA UN PROXECTO DE FUTURO NO QUE SE FIXE UN MAIOR INVESTIMENTO EN SERVIZOS SOCIAIS”


Os populares visitan o centro Rexurdir en Pontevedra e coñecen persoalmente a labor da Asociación que preside Ángeles Guisán

O presidente local do Partido Popular de Pontevedra e portavoz municipal, Rafa Domínguez, e a concelleira, María José Rodríguez, visitaron este mañá o centro Rexurdir de Pontevedra onde puideron manter unha reunión coa súa presidenta, Ángeles Guisán, para coñecer persoalmente o funcionamento desta asociación.
“A política non deixa de ser unha cuestión de xestos e dende o Partido Popular de Pontevedra queremos amosar o noso apoio a esta asociación, á súa labor encomiable en favor das persoas en exclusión social”, sinalou o edil popular en declaracións aos medios, “nesta nova etapa, non entramos a cuestionar a anterior, pero queríamos que unha das nosas primeiras visitas fose esta, para manifestar o noso apoio a unha asociación que leva 30 anos preocupándose e ocupándose de axudar ás persoas”, puntualizou Domínguez.
“Deixamos claro que nós, o Partido Popular de Pontevedra está a carón dos servizos sociais, máxime cando nos atopamos nun Concello que xa recibiu o Premio Corazón de Pedra pola súa baixa implicación social”, destacou. “Pontevedra é unha das capitais de provincia con menor gasto social por habitante de España e lamentablemente, lonxe de incrementarse, diminúe ano tras ano”, engadiu, “somos un Concello pobre en en servizos sociais cun investimento moi por debaixo da media española e case un 70% inferior á recomendada”, lembrou Rafa Domínguez.
Para os populares, estes datos son “unha proba máis de que estamos ante un Goberno canso, que non fai nada por cambiar estas cifras”, sinalou o portavoz popular.
“Pontevedra precisa un proxecto de futuro no que se ofrezan oportunidades para a xeración de emprego e tamén se fixe un maior investimento en servizos sociais, apoiando así ás persoas que máis o necesitan”, sentenciou Rafa Domínguez.

Deja un comentario