+034 986 09 02 04 Venres 30 de Outubro de 2020

O TERRITORIO TRANSFRONTEIRIZO DO RÍO MIÑO CONTARÁ CUNHA MARCA PROPIA


O deputado provincial e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, destaca a importancia de contar cun distintivo para todo o territorio común do río

Os 36 concellos do sur de Galiza e norte de Portugal que comprenden o territorio do Río Miño Transfronteirizo contarán cun distintivo propio, a marca Río Miño, segundo informou o deputado provincial e director da AECT Rio Minho, Uxío Benítez. A creación desta marca servirá “para aumentar a visibilidade da ampla oferta transfronteiriza que existe no territorio, e que se caracteriza pola súa variedade e calidade, favorecendo a chegada de turismo durante todo o ano, reforzando o sentimento de identidade sen fronteiras e poñendo en valor este territorio como un dos activos turísticos máis destacados do sur de Galicia e Norte de Portugal”, engadiu o deputado.

Segundo explicou Benítez, a marca Río Miño recollerá así mesmo outras submarcas para diferentes produtos relevantes da zona como poden ser a gastronomía, os viños, o patrimonio cultural e natural, ou as rutas de sendeirismo de ambas beiras do río. Agárdase que o deseño da marca estea listo a principios de 2019, cando se presentará publicamente.

A creación da marca Río Miño enmárcase dentro da actividade 1 do proxecto de cooperación europea Visit Río Miño, do que forman parte a Deputación de Pontevedra, o CIM Alto Minho, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Universidade de Vigo e as cámaras municipais do norte de Portugal. O seu obxectivo é o de preservar e promover o territorio do río Miño Transfronteirizo. O proxecto conta cun 75% de financiamento de fondos FEDER, e desenvólvese baixo a coordinación da AECT Río Miño.

Deja un comentario