+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Novembro de 2019

ACONDICIONAMENTO DA ESCOLA INFANTIL DE PONTE CALDELAS CON VISTAS AO COMEZO DO CURSO ESCOLAR


O Concello acomete as obras de mantemento dos centros escolares públicos do municipio

A Escola Infantil de Ponte Caldelas, incluída dentro da rede Galiña Azul, está lista para o comezo do curso, que chega esta mesma semana co inicio do período de adaptación para os rapaces.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) en cumprimento das competencias municipais en materia de mantemento ordinario acometeu a listaxe de melloras remitida pola directora do centro procedeu nos últimos días a un completo repaso das instalacións, nas que se atende a nenos/as de entre 0 e 3 anos.
Un equipo de operarios ocupouse de pintar as instalacións, tapando ocos e danos nas paredes. Ademais, reparáronse algúns zócalos e tratouse a zona posterior ao edificio, onde algúns muros presentaban pintura escachada ou danada. Tamén actuouse na zona da cociña, onde quedaron reparadas unhas pequenas humidades no teito e tapouse un oco trala campá extractora. Só quedan pendentes actuacións de escasa contía, pero que requiren de persoal especializado, que serán atendidas nas próximas semanas ao ser compatibles co comezo do curso.
Na Escola Infantil de Ponte Caldelas están matriculados para este curso un total de 32 nenos e nenas segundo os datos de matrícula feitos públicos polo Consorcio Galego para a Igualdade e o Benestar.
Os operarios tamén fixeron un “repaso” da ludoteca municipal, situada no mesmo edificio. Ao longo do ano xa se foron facendo as actuacións de mantemento precisas nos colexios de Educación Infantil e Primaria da Reigosa e Cordo Boullosa. Finalmente, fíxose unha completa corta de broza en todos os espazos próximos ao Instituto de Ensino Secundario.

Deja un comentario