+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

O CONCELLO ACOMETE UNHA MELLORA INTEGRAL NA ESCOLA UNITARIA DE LAMAS E HABILITA UNHA NOVA SALA DE USOS POLIVALENTES


Procedeuse ao pintado, cambio de fiestras, arranxo de fontanaría e baños, dotación de mobiliario e está pendente o pavimento de goma

 

O Concello de Moraña está a acometer unha mellora integral na Escola Unitaria de Educación Infantil de Lamas, emprazada en Souto, que inclúe a habilitación dunha nova sala de usos polivalentes e que estará lista para o inicio do curso académico 2018/2019, previsto para o vindeiro mércores 12. Con motivo desta actuación, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, achegouse ata este centro educativo para supervisar os traballos realizados e comprobar os detalles que faltan por facer nesta semana.

Nesta unitaria, unha das tres coas que conta o municipio, procedeuse ao pintado de todo o inmoble, o cambio de fiestras, a renovación da fontanaría, o arranxo dos cuartos de baño e a súa adaptación para os alumnos –de 3 a 5 anos de idade–, a instalación dun novo sistema de cloración e a dotación de mobiliario, tanto nos baños como no exterior, onde se colocaron unha mesa e dous bancos na zona verde.

Na actualidade, os traballos impulsados polo goberno local céntranse na habilitación dunha nova sala de usos polivalentes, que servirá para o lecer cando choiva e tamén para as clases de psicomotricidade. Esta estancia xa está preparada e só resta crear un acceso á mesma desde o exterior da escola durante estes días.

Piñeiro, que lembrou que este edificio xa se beneficiou da creación dun acceso entre as zonas dianteira e traseira do patio e da preparación da vivenda anexa para acoller reunións veciñais da parroquia, explicou que todos estes traballos “estarán listos para que os cativos comecen o curso nas mellores condicións de confortabilidade e só restará a posterior colocación dunha pavimentación de goma na zona de xogos”. “Con elo cremos que a unitaria será moi funcional e presentará un magnífico aspecto, polo que os esforzos do Concello, coma sempre que se destinan a educación e aos nosos rapaces, pagarán moito a pena”, comentou.

A mellora na Escola Unitaria de Lamas compleméntase coa ambiciosa rehabilitación integral do CPI Santa Lucía, impulsada pola Xunta con 550.000 euros de investimento e xa na súa fase final, e coa acometida con anterioridade na de San Lourenzo. A
continuación, realizarase unha actuación similar na unitaria de Amil.

Deja un comentario