+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O PROGRAMA “TECENDO LAZOS 2018” ARRANCA EN CASE 40 CONCELLOS DA PROVINCIA CO OBXECTIVO DE CREAR ESPAZOS DE ENCONTRO ENTRE DISTINTAS XERACIÓNS


O Concello de Portas é o primeiro en pór en marcha a iniciativa cun obradoiro de “Panxoliñas e bailes tradicionais”, cuxa inscrición está aberta ata o 27 de setembro

O Concello de Portas vén de abrir o prazo de inscrición no obradoiro “Panxoliñas e bailes tradicionais”, dando así inicio ás actividades deste ano do programa “Tecendo Lazos” impulsado pola Deputación de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa que consiste en realizar obradoiros nos municipios adheridos para promover espazos de encontro entre as distintas xeracións familiares, sensibilizar e intercambiar aprendizaxes, recursos, valores e ideas.

No caso de Portas, o prazo para anotarse remata o 27 de setembro. Posteriormente, o obradoiro terá lugar entre o 20 de outubro e o 17 de novembro. Ao igual que Portas, os 38 concellos adheridos a “Tecendo Lazos”, doce máis que no 2017, irán abrindo nas vindeiras semanas as inscricións nos seus talleres, que se desenvolverán todos eles entre os meses de setembro e decembro.

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 60.000 euros ao programa “Tecendo Lazos” no que se poderán desenvolver ata 52 obradoiros. En cada taller poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, tendo un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40% de menores. A súa duración será de 16 horas lectivas e axustaranse a catro temáticas diferentes: “Risas en familia”, “Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia”, “O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre” e “Faino ti”.

Todos os obradoiros inclúen o módulo “A historia do meu municipio”, a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos. Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o concello da Lama co proxecto “Andando gaña o muíño, que parado está perdido”.

“Tecendo Lazos” diríxese aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se adheriron ao programa e que nesta edición son 38: Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vila de Cruces.

Este ano sumáronse doce concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en “Tecendo Lazos” 26 concellos da provincia. En concreto, tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 persoas en cada un dos obradoiros realizados.

Deja un comentario