+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O REVOLTALLO CUMPRE 25 ANOS COMO REFERENTE DA MÚSICA EMERXENTE NA PROVINCIA


A XXV edición do festival terá lugar esta fin de semana na Carballeira do Pedregal na parroquia viguesa de Valadares
O cartel, encabezado por Skandalo GZ e Terbutalina, inclúe grupos emerxentes locais e un programa de actividades complementarias para todas as idades
“Este é un dos festivais que contan con apoio da Deputación por cumprir requisitos como o de organizar actividades tanto para a mocidade como para a cativada e o público adulto, por apostar pola igualdade de xénero e polo uso da lingua galega, e por ser un evento que xurde do propio tecido asociativo da parroquia” afirmou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, esta mañá na presentación da XXV edición do Festival de Música Emerxente Revoltallo. O deputado nacionalista referíase así á liña de subvencións para festivais de música en galego, a través da cal o seu departamento fomenta aqueles festivais que apostan pola música en lingua galega e incorporan actividades complementarias para unha ampla diversidade de públicos. Na presentación, Xosé Leal estivo acompañado pola presidenta do Centro Veciñal e Cultural de Valadares, Ana Pérez, e polas organizadoras do cartel deste ano Sara Alonso e Yolanda Martínez.
O cartel, encabezado por Skandalo GZ o venres e por Terbutalina o sábado, completarase con grupos emerxentes locais, con actividades familiares e con varios obradoiros. Sara Alonso explicou que seguindo a mesma liña da traxectoria do festival se deu cabida a todos os estilos musicais, desde o trap en galego ata a música clásica ou os grupos instrumentais. Así, o cartaz desta edición, que se celebrará na Carballeira do Pedregal desde o venres 7 ata o domingo 9, inclúe a Fanafarria Taquikardia, Son Trío, Boyanka Kostova, Cuarta Xusta, Blues do País, Treintañeras Cañeras, Cé Orquesta Pantasma, The Lelli Kelly’s, The Manueles e DJ América. “Eu teño 25 anos igual que o Festival, polo que nacín e medrei co Revoltallo e vendo como ao longo deste tempo foi ofertando música emerxente para todos os públicos e o que pretendemos este ano é que incremente a asistencia de público”, asegurou Sara Alonso. Pola súa banda, Yolanda Martínez mencionou as actividades complementarias como son as que se organizan para os e as máis pequenas, no que denominou “o Revoltalliño”, e que ademais de música tamén contempla espectáculos de maxia e de narración oral. Explicou, ademais, que os obradoiros nesta ocasión están orientados á percusión para fusionar ritmos galegos con ritmos doutras culturas, á música electrónica, e tamén ao canto e á técnica vocal “non só para persoas que cantan senón tamén para todo tipo de persoas que teñan que expresarse en público” indicou a organizadora.
“É un orgullo chegar ás vodas de prata vendo como todos estes anos pasaron por aquí grupos que despois foron emerxendo pouco a pouco” asegurou a presidenta do Centro Veciñal de Valadares, Ana Pérez, referíndose á traxectoria do Festival. Precisamente ao papel de dinamización cultural ao longo de todo o ano por parte da veciñanza da parroquia tamén se referiu Xosé Leal ao tempo que animou “a todo o mundo a achegarse a esta parroquia viguesa tan emblemática para gozar de toda esta diversidade de música”. Por último, Leal cualificou o Revoltallo como “un referente da cultura alternativa tanto en Vigo como a nivel de toda a provincia”.

Deja un comentario