+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

AUGASANTAS ARRANCA TRES DÍAS DE FESTAS NA HONRA DA PATRONA DE COTOBADE CUNHA ADICATORIA AOS EMIGRANTES


As Bandas de Tenorio e Campo Lameiro, Charandonga, o coro Aqua Viva e catro orquestras porán a nota musical
A parroquia de Augasantas arranca, xoves 6 de setembro, tres días de celebracións con motivo das Festas da Nosa Señora de Augasantas, unha das citas máis tradicionais do calendario de lecer no municipio ao tratarse da patrona de Cotobade. Os festexos foron presentados esta mesma tarde polo presidente municipal, Jorge Cubela, e membros da comisión organizadora e a comunidade de montes.
As festas comenzarán mañá, ás 21.00 horas, cunha pequena homenaxe aos emigrantes e unha gran churrascada con prezos populares amenizada pola charanga Charandonga.
Xa o venres amencerá con dianas e alboradas a cargo da Banda de Música de Tenorio, que será a encargada de amenizar tamén a sesión vermú tras a misa solemne das 12.00 horas, cantada polo coro Aqua Viva de Augasantas, e a posterior procesión. Pola tarde, desde as 19.00 horas, haberá rosario na capela de Penelas e finalmente unha verbena coas orquestras Costa Dorada e Españoles.
Na xornada de clausura do sábado, 8 de setembro, abrirase o programa cos sons da Banda de Música Cultural de Campo Lameiro, que tamén actuará tras o oficio relixioso solemne do mediodía, no que se repetirán os cantos da polifónica local e a celebración da procesión. As festas concluirán pola noite co dobre concerto das orquestras Breixa Band e Caracas.
O presidente municipal, que destacou o patrocinio do Concello para a actuación da charanga e outras colaboracións para contar co programa máis completo, louvou o traballo da comisión organizadora e o gran dinamismo desta parroquia. Ademais, quixo convidar á asistencia e amosouse confiado en que acudirá moito público, “xa que se trata dunha das festas máis tradicionais da zona e ademais conta co tirón de tratarse da patrona destas terras”.

Deja un comentario