+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O VAL MIÑOR CONTARÁ CON 31 NOVOS ‘LOMBOS’ NAS ESTRADAS PROVINCIAIS AO ABEIRO DO PLAN MÓVESE 2 DA DEPUTACIÓN


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o investimento provincial en dispositivos de calmado de tráfico na comarca supera os 510.000 euros

A Deputación de Pontevedra, ao abeiro do novo Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (Plan MÓVESE 2) do departamento de Mobilidade, vai instalar 31 novos lombos nas estradas provinciais do Val Miñor. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, os novos dispositivos de calmado de tráfico situaranse en seis vías elixidas polos concellos de Baiona e Gondomar en treitos onde é preciso aumentar a seguranza viaria.

Segundo destacou Benítez, o investimento total na comarca do Val Miñor por parte da Deputación no Plan MÓVESE ascende a 510.628,54 euros entre as dúas fases, acadando no actual proxecto –que está en fase de contratación- os case 120.000 euros. Hai que lembrar que o gasto total nesta liña de prevención da violencia viaria supera os 4.567.000 euros entre todos os concellos da provincia nos últimos dous anos.

O Concello de Baiona é municipio o que máis dispositivos solicitou nesta ocasión dentro da comarca, cun total de 17, sendo trece deles redutores físicos (RF) e outros catro pasos de peóns sobreelevados (PPS) ubicados en tres estradas: na Baiona-Loureza haberá un RF e tres pasos sobreelevados; na estrada que vai de Baredo á EP-2202 haberá outros dous RF, e finalmente haberá dez redutores e un PPS en todo o longo da estrada Sabarís-Belesar. Deste xeito, nas estradas da Deputación Baiona contará con 25 dispositivos e un investimento de case 114.600 euros.

O Concello de Gondomar, pola súa banda, solicitou nesta fase do Plan Móvese 14 dispositivos para tres estradas. Construirase un novo redutor de velocidade na estrada Gondomar-Peitieiros, outros dous RV e un PPS na Donas-Mañufe, e outros sete redutores e tres PPS na Tomiño-Sabarís. Gondomar pasa así a ser sumar un total de 21 elementos de calmado de tráfico nas vías provinciais e un investimento total entre as dúas fases do Plan Móvese de 83.260 euros.

Por último, o Concello de Nigrán non terá ningún novo dispositivo dentro do actual Plan Móvese 2, pero aínda así será o municipio da comarca que máis elementos de calmado de tráfico obtivo coa Deputación, xa na primeira quenda solicitara un total de 38 elementos, cun gasto de 312.778 euros para as arcas provinciais, só por detrás de Vigo e Pontevedra.
Segundo manifesta o deputado responsable das vías de titularidade provincial, a intención da Deputación ao implantar de maneira sistemática os elementos de calmado de tráfico é dar unha resposta á problemática da seguranza viaria na rede provincial de estradas permitindo unha mobilidade sostible e segura aos colectivos máis vulnerables. O nacionalista asegura, de feito, que a metade das vítimas mortais de accidentes son peóns, ciclistas e motociclistas.
Benítez manifestou que a violencia viaria, principalmente debida ao exceso de velocidade, é evitable, e que os elementos físicos de calmado de tráfico como os da Deputación téñense demostrado como os máis efectivos para reducir a rapidez dos coches. Asegurou que aínda que as institucións poñan radares, sinais ou multas, a única actuación que proporciona resultados reais é instalar dispositivos físicos nas vías porque obrigan aos condutores a frear os seus vehículos para evitar danos. “Se non houbese condutores irrespetuosos que fan caso omiso das normas de circulación os badéns non serían precisos”, subliñou.

Deja un comentario