+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PON EN MARCHA UN SERVIZO DE ASISTENCIA PARA QUE OS CONCELLOS POIDAN CUMPRIR CO NOVO REGULAMENTO DE PROTECCIÓN DE DATOS


Trátase dun servizo pioneiro en Galicia que ten como obxectivo a homoxeneización dos criterios a seguir polos delegados de protección de datos das entidades locais da provincia

A Deputación de Pontevedra vén de poñer a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia un servizo de asistencia en materia de protección de datos para que estas entidades locais poidan adaptarse ao Regulamento Xeral de Protección de Datos, que se aplica dende o pasado 25 de maio. Trátase dun servizo pioneiro en Galicia que ten como obxectivo a homoxeneización dos criterios a seguir polos delegados de protección de datos das entidades locais da provincia de Pontevedra.

A aprobación do Regulamento Xeral de Protección de Datos, Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos introduciu unha serie de cambios que implican unha adecuación aos procesos internos antes de empezar un tratamento de datos.

As entidades locais recollen e tratan datos persoais da cidadanía para poder prestar os servizos públicos que teñen que ver coas súas competencias e realizar as funcións que teñen encomendadas. O padrón municipal de habitantes, as subvencións e axudas, a xestión de tributos, as bolsas de traballo ou o rexistro de documentos son só algúns exemplos e, na medida en que estas entidades efectúan tratamentos de datos, están obrigadas a adaptarse a dito regulamento.

Ante esta situación, a institución provincial tomou a decisión de ofrecerlles ás entidades locais da provincia de menos de 50.000 habitantes que así o soliciten un servizo de apoio no deseño e implantación das medidas necesarias para lograr a adecuación ao Regulamento Xeral de Protección de Datos. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra ofrece servizos como a revisión dos tratamentos de datos persoais, automatizados e non automatizados; o deseño de guías de adecuación para as entidades locais; colaboración na elaboración do rexistro de tratamentos de datos de carácter persoal segundo o esixido pola normativa; axuda na realización e documentación das análises de riscos dos tratamentos identificados e nas avaliacións de impacto na privacidade, e a proposta de actualización e identificación de melloras en relación coas medidas de seguridade para aplicar aos tratamentos.

Con este servizo a Deputación de Pontevedra responde ao compromiso de prestarlles asistencia técnica ás entidades locais da provincia para así garantir que todos os datos persoais que tratan estean ben protexidos. A adhesión a este servizo de asistencia en materia de protección de datos realizarase mediante a sinatura dun convenio de colaboración.

Deja un comentario