+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

MORAÑA ARRANCA O CURSO 2018/2019 DA ESCOLA DE MÚSICA MUNICIPAL CON FORMACIÓN EN TRECE INSTRUMENTOS E 55 ALUMNOS INSCRITOS


A presentación das clases, que comezarán o día 12, tivo lugar onte coa presenza da alcaldesa, Luisa Piñeiro, e varias actuacións

 

O Concello de Moraña acaba de arrancar o curso académico 2018/2019 da Escola de Música Municipal cunha oferta récord de formación en ata 13 instrumentos e un total de 55 alumnos inscritos. A posta en marcha deste novo exercicio formativo tivo lugar no serán de onte co acto de presentación das clases na Casa da Cultura, que contou coa presenza da alcaldesa, Luisa Piñeiro, e con varias actuacións musicais nas que participou, como convidado e colaborador, o coñecido profesor lalinense Benxamín Otero.

A Escola de Música Municipal de Moraña, que leva funcionando desde hai case quince anos, ofrece formación básica de Música en Movemento para os cativos de ata 7 anos de idade cunha carga lectiva de dúas clases semanais de 45 minutos e, por outra banda, ensinanzas de Instrumento para os rapaces, ou adultos, de máis idade.

Os estudantes de Instrumento recibirán unha formación semanal de 3 a 4 horas dependendo da súa idade e a mesma distribúese nunha clase colectiva de Linguaxe Musical (90 minutos), outra colectiva de Conxunto Instrumental (60 minutos) e unha terceira individual de 30 minutos para menores de 8 anos, de 45 minutos para os de 8 a 11 anos e de 60 minutos para os de máis idade.

Nesta ocasión, a Escola de Música ofrece un total de 13 modalidades de instrumento, sendo piano e guitarra as máis demandadas, aínda que tamén figuran zanfona, acordeón diatónico, percusión, frauta, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, violín e violonchelo.

A escola arrancará as clases o vindeiro mércores, 12 de setembro, tras a presentación celebrada onte, na que a rexedora aproveitou para dar a benvida aos alumnos a este novo curso e convidounos a sacar o máximo proveito das ensinanzas
e continuar coa súa formación, neste caso no eido musical e sensitivo.

Deja un comentario