+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

FILGUEIRA CELEBRA O SÁBADO A ESPECTACULAR CARREIRA DO TIRO DO CARRO NAS FESTAS DA VIRXE DOS REMEDIOS


A proba, cun percorrido de 120 metros costa arriba e unha curva pechada de 90 graos, terá lugar o sábado ás 18.30 horas

A aldea de Filgueira, na parroquia cerdedense de Castro, acolle esta fin de semana as súas Festas da Virxe dos Remedios, que contarán como principal atractivo coa decimoterceira edición da Carreira do Tiro do Carro, na que se repartirán 825 euros en premios. As celebracións patronais foron presentadas esta mañá polo presidente municipal, Jorge Cubela, o vicepresidente, José Balseiros, e o concelleiro José Luis Crujeiras no propio lugar.

A espectacular competición, que se celebrará este sábado desde as 18.30 horas, consistirá nun percorrido de 120 metros, cos derradeiros vinte cunha forte pendente e unha curva pechada de
90 graos, que os participantes deberán realizar no menor tempo posible cun xugo sobre os ombreiros para arrastrar un carro de vacas tradicional. Por categorías, haberá 200, 100 e 50 euros para as tres mellores parellas absolutas; 150, 100 e 50 para as femininas; e 100, 50 e 25, respectivamente, para o podio da modalidade individual, estreada con éxito o pasado ano.

Polo demais, as festas arrancarán mañá, venres 7, cunha gran churrascada popular desde as
21.30 horas e a actuación nocturna de La Noche e Disco Dolce Vita, que virá acompañada de pinchadiscos e gogós.

Xa o sábado, o programa arrancará ás 11.30 horas co pasarrúas da Banda de Música de Cerdedo, que dará paso ás misas das 12.00 e as 13.00 horas, esta última de carácter solemne e cantada polo Coro de Cerdedo. As actividades matinais pecharanse co concerto da banda cerdedense. Pola tarde, a charanga Charandonga efectuará un pasarrúas ás 18.00 horas para animar o ambiente antes da Carreira do Tiro do Carro e concluiranse as celebracións coa verbena a cargo de Marema e Formas.

Deja un comentario