+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

PONTE CALDELAS DÁ APOIO A UN CURSO FORMATIVO DE AUXILIAR DE ALMACÉN QUE ORGANIZA A DEPUTACIÓN


Organiza unha xornada informativa para as persoas interesadas, o próximo luns na Casa da Cultura

As persoas interesadas en formarse como auxiliar de almacén e acceder a un posto de traballo destas características teñen unha cita na Casa da Cultura de Ponte Caldelas este próximo luns, día 10, a partir das 10 horas.
O curso está especialmente dirixido a persoas de entre 16 e 30 anos que teñan interese en formarse para auxiliar de almacén, unha formación que pode ser especialmente atractiva para buscar traballo nas empresas dos polígonos da Reigosa e do Campiño. Inclúe becas de 200 euros mensuais para os participantes para compensar os gastos de desprazamento.
O curso está organizado pola Deputación de Pontevedra, dentro do seu programa Depointegra Xoven, que conta con apoio do Fondo Social Europeo da Unión Europea e conta co apoio do Concello de Ponte Caldelas.
Para participar é requisito estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, un rexistro do Ministerio de Traballo que recolle os datos das persoas mozas interesadas en participar en actividades formativas. A inscrición neste rexistro é moi sinxela e pode facerse mesmo Online na dirección http://www.empleo.gob.es/es/garantiajuvenil/accesoJovenes.html.
O itinerario de formación realizarase nas instalacións da fundación Forga, no polígono industrial da Reigosa, e inclúe prácticas non laborais con obtención, ao remate, do correspondente certificado de profesionalidade.
O programa Depointegra Xoven vai chegar este ano a un total de 405 persoas de toda a provincia. Ademais da formación laboral específica ofrecerase a mellora da empregabilidade traballando áreas transversais como idiomas, tecnoloxías da información e ofimática. Todo elo complementado con titorías individuais e grupais e orientación laboral posterior ao curso.

Deja un comentario