+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A AVENIDA LUIS ROCAFORT PASA OFICIALMENTE DE SER PROPIEDADE DA DEPUTACIÓN AO CONCELLO DE SANXENXO


O deputado Uxío Benítez salienta que a rúa “é un símbolo de como quere facer as cousas o actual goberno provincial”
O alcalde Telmo Martín descarta ampliar as prazas de aparcamento e subliña que a obra é “magnífica”
Dende hoxe e a todos os efectos a titularidade e competencia da avenida de Luis Rocafort é exclusiva do concello de Sanxenxo. A Deputación, de mans do deputado de Mobilidade Uxío Benítez, e o concello, a través do seu alcalde, asinaron oficialmente a acta de transferencia da estrada logo de nove meses de trámites burocráticos dende a súa reforma e inauguración.
O deputado Benítez salientou que no día de hoxe culminouse un proceso iniciado en 2016 coa sinatura do convenio entre Deputación e o anterior goberno de Sanxenxo, que posibilitou o cofinanciamento da mellora da estrada ao 70%-30%. O nacionalista subliñou que o proxecto estaba concibido inicialmente dunha maneira polo anterior executivo provincial e que, coa chegada do novo goberno da Deputación, acordáronse unha serie de cambios que supuxeron modificar a propia concepción da rúa e ampliar o orzamento e os metros cadrados da actuación.
“A obra que propuxemos para Luis Rocafort foi moito máis completa e para a Deputación vén a exemplificar unha nova maneira de facer as cousas. Para nós esta avenida sempre foi un símbolo de como queremos facer as cousas. O noso exemplo de como traballar en núcleos urbanos está en Sanxenxo, e sempre o mostramos cada vez que damos a coñecer o noso catálogo de actuacións”, subliñou o deputado, ao tempo que felicitou aos técnicos e á concesionaria polo resultado e a calidade da rúa.
Benítez insistiu en que toda vez que a avenida xa se inaugurou e se puxo a disposición da veciñanza o pasado 27 de decembro comezou o procedemento administrativo de cambio de titularidade no que tivo que intervir tamén a Xunta. “A partir de hoxe a avenida de Luis Rocafort é titularidade e competencia exclusiva do concello de Sanxenxo”, subliñou, para engadir que a Deputación ten aínda “moitas estradas provinciais con moitas necesidades” no municipio e que “seguro que haberá oportunidade de plantexar outros proxectos e actuacións”.
Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo Telmo Martín manifestou o seu agradecemento ao deputado Uxío Benítez e á Deputación polo “forte investimento” realizado na rúa. Martín lembrou que a veciñanza e visitantes xa levan nove meses gozando da avenida e salientou “quedou moi ben, quedou moi bonita, e polo tanto é motivo de orgullo”. Segundo o rexedor, a rúa tamén é un exemplo e manifestou a súa esperanza en que tanto a Deputación como outras administracións realicen obras similares cando se dispoñan a facer obras na vila.
En canto á posible ampliación de prazas de aparcamento solicitada por parte dos comerciantes, sobre todo ao principio da obra, Telmo Martín rexeitou a proposta e asegurou que “a obra é magnífica e quedou moi ben”, polo que “hoxe non imos falar de aparcamento”. “Eu penso que disfrutamos todos desa obra. Temos moitas felicitacións e, polo tanto, non ten tanta importancia agora o asunto ese. Eu penso que o comercio funcionou perfectamente tal e como está a rúa”, subliñou, para invitar á toda a veciñanza e visitantes a que vaian percorrela porque “a pesares de que ten moita inclinación pódese pasear ben por ela”. “Hoxe é un día importante e agardo seguir contando coa colaboración da Deputación no futuro polo ben da veciñanza de Sanxenxo”, finalizou.
Hai que lembrar que a avenida Luis Rocafort dispón de beirarrúas con longos de entre 2,5 e ata seis metros, velocidade limitada a 30 quilómetros hora, 60 luminarias para garantir a seguranza viaria (no proxecto anterior prevíanse 14), cinco pasos de peóns sobreelevados e outras cinco plataformas elevadas nas interseccións, estacionamentos de bicicletas e motocicletas, así como novo mobiliario urbano e máis de medio cento de árbores, entre outras melloras. Outra das novidades sobre o proxecto anterior é que se urbanizou a totalidade da vía, incluíndo a conexión coa PO-308: actuouse en 575 metros lineais e en 12.381 metros cadrados, pasando a un orzamento de licitación de 1,65 millóns de euros.
Dorrón
En canto á outra actuación que está en marcha no Concello de Sanxenxo, a mellora da estrada de Dorrón, o deputado Benítez explicou que na última Xunta de Goberno da Deputación se aprobou a contratación das obras que faltan para rematar a rúa. Subliñou que en breve sairán os traballos a licitación e as empresas poderán presentar as súas ofertas para elixir a máis vantaxosa económica e tecnicamente.
“O proxecto de Granxa-Dorrón foi un exemplo de como non se deben facer as cousas, ao contrario que Luis Rocafort”, dixo, para explicar que en Luis Rocafort non se iniciaron as obras ata que o Concello puxo a disposición os terreos, mentres que en Dorrón licitouse, adxudicouse e iniciouse a obra sen os terreos. “Era a metodoloxía anterior e penso que hai que desterrala. Non queremos mirar atrás, e pechamos o expediente anterior para abrir un novo proxecto que atenda ás necesidades actuais, que será a canalización de servizos, firmes, pasos peonís e retirada dos postes. En breve poderemos adxudicar e agardo que a primeiros do ano que vén poidamos iniciar as obras, para que a estrada quede completa e terminada dunha vez por todas”, explicou Benítez.
En canto aos postes de Fenosa e Telefónica que aínda están no medio das beirarrúas, o deputado explicou que se retirarán cando estean feitas as canalizacións para soterrar os tendidos. “Non tiñamos os terreos para facer as beirarrúas e soterrar as canalizacións. Agora o concello entregounos as cesións e puidemos facer o proxecto para esixir ás compañías subministradoras que canalicen e que retiren postes e tendidos”, asegurou.
Plan Móvese
O deputado Uxío Benítez salientou tamén na súa visita a Sanxenxo que o municipio beneficiarse dos novos lombos que se instalarán ao abeiro do Plan Móvese 2 da Deputación. Destacou que se atenderon todas as peticións do Concello: un redutor de velocidade e un paso de peóns sobreelevado na estrada Sanxenxo-Bordóns-Samieira.
Segundo explicou Benítez, nesta fase as solicitudes do concello foron escasas unicamente porque na anterior edición Sanxenxo fora o segundo concello na provincia en instalar dispositivos de calmado de tráfico grazas ao plan provincial. O nacionalista destacou que Sanxenxo contará cun total de 69 elementos redutores de velocidade e un investimento de 249.551,27 euros na rede de estradas provinciais dentro do municipio.
O Plan Móvese 2 ten un investimento de máis de un millón e medio de euros na provincia e, en total o investimento en elementos físicos de calmado de tráfico por parte da Deputación para reducir a violencia viaria supera os 4,5 millóns de euros. O número de lombos instalados nas vías provinciais acadará o milleiro, chegando a un total de 3.000 na provincia contando tamén os das administracións locais e autonómica.

Deja un comentario