+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

O CONCELLO DE BUEU CREARÁ O I PLAN DE IGUALDADE INTERCENTROS


Este venres, a responsable do CIM mantivo unha reunión cos centros educativos para a creación dun grupo de traballo e a presentación das liñas de actuación
O Concello de Bueu avanza un paso máis na promoción da igualdade entre homes e mulleres, e por iso se está elaborando o I Plan de Igualdade Intercentros (2019-2022), no marco dunha subvención coa Deputación de Pontevedra, que ten como obxectivo que toda a comunidade educativa da vila vele pola aplicación daquelas medidas que vaian encamiñadas a fomentar o respecto ás diferenzas, entre elas, a igualdade efectiva entre homes e mulleres.
Despois de varias reunións entre a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e as persoas responsables do CEIP Plurilingüe A Pedra, CEIP A Torre de Cela, CPR Virxe Milagrosa, CEIP Montemogos de Beluso, IES Illa de Ons, e IES Johán Carballeira, hoxe asinouse un convenio de colaboración con cada un dos centros para a creación do chamado Grupo de Traballo de Centros Educativos pola Igualdade (CEPI), instrumento de traballo que servirá para analizar as fortalezas e retos de cara á elaboración deste plan, que, segundo está previsto, entrará en vigor no 2019 e no que tamén se buscará implicar ás asociacións de pais e nais.
Na reunión mantida este venres nas dependencias do CIM, na que estivo presente a a directora do CIM e os responsables dos centros da vila, tamén se presentou a diagnose realizada nos centros para ver os puntos fortes e as debilidades en materia de igualdade de xénero. A partir de aí, adoptáronse catro liñas de traballo: modelo de escola coeducativa, desenvolvemento curricular non sexista, orientación con enfoque de xénero e modelo de convivencia igualitaria.
Esta iniciativa de acción forma parte do IV Plan para a Igualdade de mulleres e homes (2018-2021), que ten como liña prioritaria de actuación a adopción de medidas no eido educativo, que é a base na que se sitúa o cambio presente e futuro. A seguinte reunión, na que xa se presentará o texto definitivo, está programada para o 16 de outubro.

Deja un comentario