+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

MORAÑA ACOMETE O PINTADO E O CAMBIO DE CARPINTARÍA NA ESCOLA INFANTIL E PROXECTA A DOTACIÓN DE MOBILIARIO E OUTRAS REFORMAS


A alcaldesa, que visitou a gardería, negociou co Consorcio de Igualdade o financiamento dalgunhas obras por parte da Xunta

 

O Concello de Moraña vén de realizar diversas melloras na Escola Infantil Pública “A Galiña Azul” centradas especialmente no pintado e o cambio de portas e de certos elementos de carpintaría e xa proxecta a dotación de mobiliario e outras pequenas reformas de espazos para que este recinto educativo presente unhas perfectas condicións de cara ao curso académico 2018/2019, que arrancou esta semana.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro achegouse ata a gardería para comprobar os traballos realizados ata o momento, que consistiron no pintado de todo o inmoble e certas actuacións de carpintaría, e para informar ao persoal das vindeiras actuacións coas que quedará lista esta escola.

Así, a rexedora indicou que nos vindeiros días dotarase ao recinto de mobiliario para os despachos, xa que esta actuación non se puido realizar con anterioridade, pero non se trataba dunha cuestión que preocupara en tanto que non causará ningún perxuízo ao desenvolvemento da actividade educativa e pode realizarse sen atrancos co curso en marcha.

Polo demais, e atendendo a unha petición da dirección da gardería, Luisa Piñeiro abriu unha negociación co Consorcio de Igualdade respecto ao financiamento dunhas obras solicitadas e conseguiu que as mesmas foran sufragadas pola Xunta.

Estas obras consistirán nunha redistribución de espazos que permitirán a creación dunha zona de descanso acondicionada para a aula de 0 a 1 anos e o illamento das zonas de aseos das estancias dos nenos de 1 a 2 e de 2 a 3 anos, xa que están integradas na mesma sala. Piñeiro explicou que estas obras van comezar nas
vindeiras datas e terán unha rápida execución.

Deja un comentario