+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN REFORZA O CALMADO DE TRÁFICO NA ESTRADA CALVARIO-GARRIDA EN VIGO CON NOVE REDUTORES DE VELOCIDADE


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que a institución provincial investirá máis de 318.000 € en badéns para as vías provinciais do concello

A estrada provincial EP-2001 Calvario-A Garrida contará o próximo ano con nove dispositivos de calmado de tráfico grazas ao novo Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (Plan MÓVESE 2) do departamento de Mobilidade da Deputación. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, os novos redutores físicos de velocidade e os pasos de peóns sobreelevados, coñecidos como ‘lombos’ pretenden reducir a velocidade dos vehículos que transitan pola estrada e aumentar a seguranza viaria.

Cada un dos badéns disporá dun proxecto propio que variará segundo a súa ubicación, co fin de crear “novos espazos de coexistencia equitativos” para todos os desprazamentos (en coche ou camiñando) nunha contorna viaria segura e tranquila, marcando ‘zonas 30’ de velocidade máxima.

Os elementos de calmado poderán contar con sistemas de drenaxe, áreas seguras reservadas aos peóns ao comezo e ao final de cada paso, novas beirarrúas e iluminación. Todos os pasos (PPS) e os redutores (RF) contarán coa súa sinalización correspondente, tanto horizontal como vertical e captafaros nas súas esquinas para sinalizar a existencia do elemento na vía.

As ubicacións de cada un dos dispositivos foron seleccionadas en coordinación entre o persoal técnico da Deputación e o Concello de Vigo, establecendo os seguintes puntos quilométricos: 2+000 (PPS), 3+900 (PPS), 4+400 (PPS), 5+300 (PPS), 6+200 (PPS), 6+300 (RF), 7+800 (PPS), 9+750 (RF) e 9+900 (PPS).

Segundo destaca Benítez, o investimento das novas actuacións de calmado de tráfico será de 72.852,83 euros e sumarase á anterior fase do Plan Móvese, cando xa se instalaran nesta vía provincial outros 17 PPS e dous RF, e tamén outros dispositivos na EP-2002 Gran Vía- Avenida de Madrid, e na EP-2004 Beade-Carneiras, facendo un gasto total nas estradas provinciais dentro do concello vigués de 318.328 euros. O municipio olívico, así, disporá dun total de 32 elementos redutores de velocidade.
O deputado sinala que a intención da Deputación ao implantar de maneira sistemática os elementos de calmado de tráfico na rede provincial é dar unha resposta á problemática da seguranza viaria permitindo unha mobilidade sostible e segura aos colectivos máis vulnerables. Asegura, de feito, que a metade das vítimas mortais de accidentes –de xeito xeneralizado- son peóns, ciclistas e motociclistas, e subliña que os elementos físicos de calmado de tráfico como os da Deputación téñense demostrado como os máis efectivos para reducir a rapidez dos coches. Asegurou que aínda que se poñan radares, sinais ou multas, a única actuación que proporciona resultados reais é instalar dispositivos físicos nas vías porque obrigan aos condutores a frear os seus vehículos para evitar danos.

Deja un comentario