+034 986 09 02 04 Luns 27 de Xaneiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN INICIA ESTA SEMANA OBRAS DE MELLORA DO ASFALTADO NA ESTRADA DE PORTOSANTO-LOURIDO-CAMPELO EN POIO


O deputado Uxío Benítez apunta que os traballos mellorarán zonas puntuais do firme ao longo dos 3,7 quilómetros da vía

As obras de mellora do asfaltado da rede viaria provincial dentro do Plan de Firmes da Deputación chegarán esta semana á estrada EP-0602 Portosanto-Lourido-Campelo, nos treitos coñecidos como avenida da Praia, rúa Beiramar, e camiño do Castelo, no Concello de Poio. O departamento de Mobilidade iniciará nas vindeiras xornadas a rehabilitación do firme, que suporá a mellora de ámbitos puntuais ao longo dos 3,7 quilómetros da vía.

Segundo explica o deputado Uxío Benítez, nestes momentos hai zonas de aglomerado en mal estado, con afundimentos, fendas e cuarteados en lugares puntuais. Ante isto, o departamento de Mobilidade activou o novo contrato marco e as obras poranse en marcha de inmediato co fresado da calzada, para posteriormente repoñer a capa de rodadura e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo. Os traballos, segundo está previsto, desenvolveranse durante unha semana, despois da que se procederá a repintar a sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas) unha vez estea consolidado o firme.

O novo contrato marco do Plan de Firmes provincial ten un orzamento de 4,4 millóns de euros anuais para as estradas da provincia. Esta fórmula supón na práctica unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias. Os proxectos de actuación sempre terán que ser puntuais, acoutados e xustificados, e en ningún caso se mellorará a totalidade da lonxitude dunha estrada con cargo a este programa, xa que esa actuación requiriría dun proxecto completo e específico para cada vía.
Co novo Plan de Conservación de firmes a provincia divídese en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes son as responsables das obras, traballando de forma conxunta co parque de maquinaria provincial. Á zona de Pontevedra correspóndelle o lote primeiro, que atende aos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro. O orzamento de execución é de 1.026.478,92 euros.
Hai que lembrar que ademais desta actuación puntual no firme da EP-0602 está prevista tamén unha actuación de carácter xeral na zona grazas dous convenios de colaboración para executar dous novos proxectos que mellorarán a seguranza viaria e a mobilidade peonil cun investimento que supera os 2.400.000 euros.
O deputado nacionalista explica que esas actuacións conveniadas abarcarán os 1,8 quilómetros da estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo-C-550, dende o seu inicio ata a igrexa de Campelo, e tamén outros 300 metros correspondentes á estrada provincial EP-0602, coñecida como rúa Pai Avelino, entre a igrexa e o porto de Campelo. Está en fase de estudio, para a súa execución a medio prazo, a posibilidade de redactar un proxecto de mellora integral e reurbanización para o treito da rúa Beiramar e o Camiño do Castelo.

Deja un comentario