+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN PON EN MARCHA UNHA “AMBICIOSA CAMPAÑA INFORMATIVA” PARA POÑER EN VALOR A FORMACIÓN IMPARTIDA NA ESCOLA DE CANTERÍA


Carmela Silva animou á mocidade a matricularse na escola, que este ano oferta 35 prazas, e informou dos avances para conseguir a homologación do título

Un mestre canteiro visitará en outubro os centros educativos da provincia para explicar a formación que se imparte na Escola e as posibilidades profesionais do oficio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Emprego, Montse Magallanes, visitaron esta mañá a Escola de Cantería con motivo do inicio do novo curso. Durante a visita, a presidenta provincial deu a coñecer a posta en marcha “dunha ambiciosa campaña informativa” para dar a coñecer a Escola, así como novidades relativas á homologación oficial do titulo de Cantería e novas obras e exposicións postas en marcha coas pezas elaboradas polo alumnado do centro.

Segundo informou Silva, “a Escola de Cantería é unha referencia en España e queremos apostar por ela así como dar a coñecer a súa actividade para que se siga a manter a formación e a manter a profesión, un dos oficios máis antigos de Galicia”. Neste contexto, a presidenta provincial adiantou que “de xeito inmediato imos remitir unha carta a todos os centros de educación secundaria e FP que visitará un mestre canteiro para dar a coñecer ao alumnado a formación que se imparte na Escola de Cantería e as súas principais saídas profesionais”. Amais, tamén está previsto que en outubro se achegue ao cárcere da Lama para impartir formación (dous días á semana durante tres horas cada día), así como aumentar as visitas de colectivos e centros educativos, asistir a feiras do sector e organizar intercambios con outras escolas de oficios de España.

Nestes momentos, a Escola de Cantería mantén aberto o prazo de inscrición no centro, ofertando para este curso 35 prazas. “Quero animar á xente máis moza de toda Galicia para que se anime a matricularse na Escola de Cantería, dende a que se está a formar a persoas nun oficio creativo, con moita tradición e posibilidades”, destacou Carmela Silva.

 

En relación ao título de Cantería, a presidenta provincial informou que, nestes momentos, “estamos no proceso de tramitación das obras, nas que imos investir 400.000 euros, para acondicionar o centro para que cumpra con todos os requisitos legais para afrontar a homologación oficial do título de Cantería e recoñecer así a profesión, dando respostas ás peticións do alumnado”.

A presidenta da Deputación tamén aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo e a creación das alumnas e alumnas da Escola de Cantería. Neste eido, Silva destacou que dende o 2016 entregáronse aos concellos da provincia 42 obras elaboradas polo alumnado da escola e que, de aquí a finais do 2018, se achegarán outras quince, “polo que non soamente formamos senón que tamén conseguimos embelecer todo o territorio da provincia”.

Tamén enxalzou a presidenta a mostra “Nado en Pedra”, composta por pezas elaboradas polo alumnado e que recorreu os concellos de Cambados, Nigrán, O Rosal, Pontevedra, A Guarda, Caldas, Santiago de Compostela e Silleda, onde se atopa nestes momentos. Ao respecto, Carmela Silva informou que “imos entregar unha peza a todos os concellos polos que pasou “Nado en Pedra” para que poidan tela permanentemente e agradecer a súa aposta por esta exposición”.

Xunto coa mostra “Nado en Pedra”, a Escola de Cantería tamén trasladou ata Vigo, a petición da CEP, a mostra “Formas e Figuras”, con pezas do alumnado. Amais, Silva adiantou que “estamos a pensar xa nunha nova exposición para volver ofertar aos concellos da provincia”.

Deja un comentario