+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

O GOBERNO DE NIGRÁN APROBA NO PLENO EXTRAORDINARIO A CONTRATACIÓN DE MÁIS PERSOAL PARA AXILIZAR O TRABALLO EN DIFERENTES DEPARTAMENTOS


A aprobación foi posible grazas aos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP. Nigrán Decide e UCN votaron en contra

O Concello de Nigrán contará antes de final de ano con novo persoal para as áreas de Contratación, Biblioteca, Urbanismo e Tesourería despois de que o goberno local e BNG aprobaran hoxe no pleno extraordinario dúas modificacións de crédito por importe total de 88.400 € destinadas a este fin (PP se abstivo e Nigrán Decide e UCN votaron en contra).
“Con estas incorporacións propostas dende o goberno queremos reforzar departamentos que actualmente teñen moita carga de traballo debido a, entre outras cousas, novas competencias que deben asumir os Concellos. O obxectivo final é axilizar ao máximo as xestións municipais, feito que repercutirá directamente en beneficio de todos”, asegura o alcalde, Juan González.
En concreto, 45.771 destinaranse a dous programas temporais de emprego de como máximo 3 anos de duración que permitirán a contratación de un enxeñeiro e dous administrativos (para a área de Contratación) e un auxiliar administrativo (para a área Económica). Estes postos serán cubertos por persoal funcionario interino mentras non se aproba a Oferta Pública de Emprego que permitirá cubrir definitivamente as prazas.
Ademais, por motivo de acumulación de tarefas e mediante a modificación de crédito de 42.627 € contratarase durante 6 meses como máximo a un auxiliar administrativo para a Biblioteca Municipal, un auxiliar para Urbanismo e dous auxiliares para Tesourería. Nestes casos a incorporación será inmediata porque o Concello xa dispón dunha bolsa de emprego nestes eidos.
Por outra banda, a proposta do PP, o goberno decidiu deixar sobre a mesa a modificación orzamentaria de 236.076 € co obxectivo de presentala no vindeiro pleno desglosada en diferentes capítulos.
Finalmente, aprobouse a segunda modificación das bases do III Plan de Becas Municipais de Nigrán tras acadar só 4 candidatos da oferta total de 7 prazas. Deste xeito, diminuíronse requisitos para chegar a un maior número posible de interesados. As novas bases serán publicadas no BOP e a partires dese intre se abrirá novamente o prazo de solicitude.

Deja un comentario