+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A MOSTRA DOS BOLECHAS RETOMA O ITINERARIO POLA PROVINCIA E INICIA O CURSO NO MORRAZO


Durante o horario de mañá os centros educativos da comarca poden concertar visitas guiadas para coñecer as variedades dialectais do país a través o universo Bolechas
A mostra permanecerá no paseo marítimo de Moaña ata o 20 de setembro e polas tardes e durante a fin de semana está aberta a público familiar
O sábado ás 19 horas, a carpa que acolle a mostra tamén servirá de escenario para a presentación do libro das aventuras dos Bolechas no concello de Moaña
Desde esta mañá e ata o 20 de setembro a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’ permanecerá instalada no paseo marítimo de Moaña para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca –os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155-, e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.
A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata o Morrazo para darlle a benvida e saudar a toda a rapazada e ás súas familias que se achegaron ata a carpa do paseo marítimo. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, a tenente de alcaldesa, Marta Freire, os concelleiros de Normalización Lingüística e de Cultura, Aldán Santamarina e Salvador Meira, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, explicou ante unha carpa ateigada de cativos e cativas que “o que aquí tedes ao voso servizo é todo un parque temático dos Bolechas para aprender como se fala nos diferentes lugares do noso país.” Xosé Leal indicoulles que ”aquí poderedes aprender que no Morrazo dicimos ghato e ghaliña, pero hai outros sitios onde se di doutras maneiras”. O deputado provincial tamén animou a todos os presentes, tanto cativos como adultos, “a pasalo ben e a aprender xogando”. A alcaldesa da localidade, Leticia Santos aproveitou para anunciar a inminente presentación do libro protagonizado polos célebres personaxes creados por Pepe Carreiro e que toman Moaña como referencia. A presentación das aventuras do Bolechas en Moaña terá lugar, segundo explicou a rexedora, na mesma carpa da exposición, o vindeiro sábado día 15 ás 19h, e todas as persoas que asistan poderán levar un exemplar do libro. Pola súa banda, e en representación da Editorial Bolanda, Tomás Valín explicou que a mostra está concibida “para coñecer todas as maneiras que temos de falar, e para que poidades ver e escoitar como de diferente se fala en cada un dos sitios de Galicia a través de todos estes xogos que temos para vós”.
A exposición, que estivo en Pontevedra, Lalín e Vilagarcía de Arousa antes do verán, retoma agora o itinerario co inicio do curso en Moaña, e continuará a súa itinerancia por A Estrada, A Cañiza, Caldas, Tomiño, Ponteareas e Vigo.
Estrutura
A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás é o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.
O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase xa na entrada coa ‘Porta das palabras’, onde as rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle ‘A xanela‘ con paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e o ‘Toque-toque’, unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro’, concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua coa sección ‘A mergullarse’, unha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; coa sección ‘As nubes’, unha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; ‘Cantareira’ a modo de gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; ‘Afouteza’, unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, “Chan”, o gran mapa da linguas concibido como un xogo da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.
Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.

Deja un comentario