+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN E A REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES ORGANIZAN CINCO ROTEIROS DE ARQUITECTURA NA PROVINCIA


As arquitecturas da modernidade e a pegada de Alejandro de la Sota e outros arquitectos da súa xeración serán os eixos destes percorridos
Con motivo da dedicación do Día das Artes Galegas do ano 2018 ao arquitecto Alejandro de la Sota por parte da Real Academia Galega de Belas Artes, a área de Cultura e Lingua organiza cinco percorridos ao redor da arquitectura da modernidade por diferentes puntos da provincia de Pontevedra. O obxectivo principal desta iniciativa é o de achegar os principais fitos arquitectónicos ao conxunto da poboación a través de roteiros guiados por cidades e concellos da provincia. “Quixemos introducir a arquitectura na oferta de roteiros e percorridos pola provincia porque entendemos que é unha disciplina que ten un impacto fundamental na nosa contorna e na nosa paisaxe, así como na nosa calidade de vida, e que debemos dala a coñecer de xeito accesible da man de persoas especializadas” asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto desta iniciativa.
As terras do Deza, concretamente os concellos de Lalín e de Vila de Cruces, serán o primeiro dos escenarios nun percorrido previsto para o sábado 22 de setembro. Este itinerario sairá de Lalín, concretamente do monumento ao aviador Loriga e centrarase na arquitectura de Mansilla e Tuñón e nas incorporacións escultóricas de Asorey. Tamén aproveitará para profundar na fonda historia arquitectónica e cultural das terras do Deza en enclaves como Carboeiro, o Corpiño, a pegada do aviador Joaquín Loriga, do astrónomo Ramón María Aller, e do pintor José Otero Abeledo ‘Laxeiro’. Este roteiro tamén inclúe unha visita ao poboado mineiro (volframio) de Fontao, en Vila de Cruces.
O seguinte dos roteiros percorrerá terras do Porriño e de Mondariz Balneario, establecendo o punto de partida diante do concello do Porriño e visitando os edificios construídos polo arquitecto Antonio Palacios en ambas localidades, referente da arquitectura na primeira metade do século XX. A cita será o sábado 13 de outubro e o percorrido inclúe as Canteiras de Atios, a Fonte do Cristo, a Botica Palacios, e o conxunto do Balneario de Mondariz, entre outros. O terceiro dos percorridos pasará por Baiona e Panxón o 20 de outubro. Partirá da Casa do Concello de Baiona e utilizará como leitmotiv a presenza estival do arquitecto Antonio Palacios no Val Miñor. Neste itineriro destacan as intervencións que interaccionan a arquitectura coa paisaxe, dentro dun singular humanismo que servirá de referencia para moitos outros arquitectos que tamén intervirán na zona. O roteiro focalizará a atención en intervencións como a Virxe da Rocha, o Chalet Sileno, o Templo Votivo do Mar, ou o Chalet de Celso Méndez.
En Vigo a cita será o 27 de outubro e o punto de encontro a Porta do Sol. Este percorrido enfócase coma unha antoloxía arquitectónica do século XX, que inclúe os plans urbanísticos na cidade portuaria, no casco vello, e no ensanche; así como a pegada de arquitectos como Manuel Felipe Quintana, Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Antonio Palacios, Gómez Román, pasando por Bar Boo e continuando até o noso hoxe. E por último, o 10 de novembro e da praza da Ferreiría partirá o último do roteiros que toma como referencia Pontevedra, a cidade na que nace Alejandro de la Sota. Este roteiro concíbese como un paseo polas inquedanzas culturais da primeira metade do século XX, e máis concretamente pola filosofía e pola esencialidade de La Sota. Está prevista a visita á intervención deste arquiecto na Misión Biolóxica, no Pavillón Municipal, nun edificio de vivendas na Rúa Gondomar, e na Casa Domínguez na Caeira. Tamén se visitará a parroquia de Salcedo, patria de canteiros, e o cemiterio de S. Martiño de Salcedo, coa tumba dos La Sota Martínez. Outros elementos que destacan neste percorrido son a Fábrica da Cross, da enxeñería Proquiber, na rúa da Gándara, e o bloque de vivendas para militares no Polígono de Campolongo.
Todos os roteiros estarán guiados por Felipe Senén López, membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, e a participación é gratuíta previa inscrición no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal. Para cada roteiro ofértanse 50 prazas e os percorridos faranse na súa maior parte en autobús e terán carácter circular.
Galicia e as arquitecturas da modernidade
A dedicación do Día das Artes Galegas á figura de Alejandro de la Sota levou á Real Academia Galega de Belas Artes e ao departamento provincial de Cultura e Lingua, a plantexarse a necesidade de sensibilizar sobre a arquitectura do século XX en Galicia. Neste contexto, estes roteiros teñen moi en conta os presupostos socioculturais da época, a reformulación dos deseños urbanos, a planificación de edificios institucionais, públicos, así como os materiais e as técnicas tradicionais, como a pedra e os canteiros, os materiais industriais, e o paso dos mestres construtores aos mestres da arquitectura que do sentimento historicista, eclecticista romántico, dan o paso á Modernidade.
Durante o pasado século, nas cidades, especialmente nas portuarias da Coruña e Vigo, aparece unha nova arquitectura adaptada aos novos materiais industriais, como son o ferro, o cemento, o vidro, e a madeira. As tradicións artéllanse na nova arquitectura, como as galerías, e analízanse as infindas posibilidades das pedras. Nos anos previos á guerra a análise racionalista aplicada á arquitectura sobreponse ao virtuosismo e á retórica historicista, monumentalista, representada pola saga dos Rodríguez-Sesmero, así como por Jenaro de la Fuente ou Antonio Palacios, mesmo a través das distintas facetas do Modernismo, con relevantes figuras como González del Villar, Rei Pedreira, e Antonio Tenreiro. Imponse a esencialidade á que conlevan os novos materiais, os prefabricados, e as novas tecnoloxías construtivas. Se ben a Guerra Civil e a II guerra mundial, retrasaron un proceso cultural, o do “International style”, que supón a depuración das liñas e que inclúe tanto o deseño de inmobles como mobles. Entra aquí a figura de Alejandro de la Sota, seguida de Molezún e xeracións algo máis novas como Fernández- Albalat e Xosé Bar Boo, abrindo paso a xeracións caracterizadas por unha fonda reflexión e compromiso con canto significa o espazo, o tempo e as novas tecnoloxías.

Deja un comentario