+034 986 09 02 04 Luns 19 de Novembro de 2018

TENORIO CELEBRA O SÁBADO A IV FESTA DO PAN DE MILLO E OVO CO PREGÓN DE XURXO SOUTO E MANOLO MASEDA E DEZ ACTUACIÓNS


A organización servirá 700 ovos, que se venderán a 3 euros a parella tras a sesión vermú, e tamén haberá outros pratos a prezos populares

A parroquia de Tenorio vai celebrar este sábado, 15 de setembro, a IV Festa do Pan de Millo e Ovo, que contará co pregón de Xurxo Souto, ex líder da banda Os Diplomáticos de Monte Alto, e Manolo Maseda e cunha decena de actuacións musicais, así como unha chea de actividades para todos os públicos. A cita gastronómica foi presentada esta mañá en Carballedo polo presidente municipal, Jorge Cubela, e representantes da comisión organizadora, integrada por membros da Asociación Cultural Foula.

A festa arrancará no Campo da Festa de Tenorio a mediodía coa actuación dos Chaneiros de Marín, que darán paso ao pregón ás 13.00 horas e posteriormente á sesión vermú cos Pandereteir@s do Val de Quireza e Comando Foucellas.

Tras esta animación musical comezará a cita gastronómica, na que se servirán 700 ovos con pan de millo –unhas 350 racións– a un prezo de 3 euros a parella, aínda que tamén haberá máis produtos, como churrasco ou callos, entre outros, a prezos populares. A organización servirá o prato estrela durante todo o día ata esgotar existencias.

Xa pola tarde, ás 16.00 horas volverá a música con Os Abrentes de Cerdedo, Os Trazantes de Tenorio, Banda Escola Unión Musical de Tenorio, Banda de Cerdedo e Airiños de San Xulián, que darán o testemuño á presentación do libro-cedé “Método de percusión tradicional” do mestre Andrés Vilán. Ademais, durante todo o día haberá feira de artesanía, luthiers de instrumentos, xogos populares con monitores e inchables.

Finalmente, a xornada pecharase co festival folclórico, desde as 21.00 horas, cos sons de Serra- Lhe Aí! e Tiruleque.

Cubela amosou o respaldo do Concello, que colabora con este certame gastronómico, e agradeceu “o enorme traballo” dos organizadores para sacar adiante unha festa culinaria de produtos tradicionais “e programar de xeito paralelo un potente programa musical e moitas e variadas actividades para todos os públicos”. Tras destacar que o bofacer dos organizadores “permitíu consolidar a festa en só tres anos”, amosouse convencido de que seguirá medrando

“grazas a que todo está moi ben organizado, como se demostrou nas tres primeiras edicións, e ao tirón dun prato tan típico e saboroso como o ovo con pan de millo”. Finalmente, destacou o potencial gastronómico do municipio con ata oito festas de exaltación e indicou que esta será a sexta do presente exercicio, restando aínda o Caracol de Santa María de Sacos e o Bolo de San Martiño en Borela.

Deja un comentario