+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

A COLABORACIÓN ENTRE O CONCELLO E A VECIÑANZA PERMITE RECUPERAR O CAMIÑO ENTRE A REIGOSA E VILARCHÁN


O antigo paso de carros dá acceso a numerosas fincas e constitúe ademais unha atractiva alternativa de sendeirismo

O vello camiño que comunica os núcleos rurais da Reigosa e Vilarchán quedou recuperado gracias á colaboración entre a veciñanza e o Concello de Ponte Caldelas. O antigo paso de carros, que dá servizo a un gran número de fincas volve estar novamente en servizo tras décadas de abandono.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) recibiu numerosas peticións de veciños da Reigosa, que mesmo estaban organizándose para reunir sinaturas ao obxecto de reforzar o apoio popular a esta demanda. Sen embargo, o Concello decidiu acometela xa ao comprobar as vantaxes de recuperar este camiño centenario entre dous dos núcleos máis poboados do municipio.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou as obras, que consistiron na corta de broza, incluíndo árbores de especies invasoras que tiñan colonizado o espazo. Tamén retiráronse pedras dos muros laterais, que en moitos casos están moi deteriorados, polo que se insta aos seus propietarios a consolidalos adecuadamente.
As obras, nas que colaborou parte da veciñanza, continuaron coa aplicación dunha capa de “zahorra” para consolidar o firme no comezo na zona da Reigosa. O entronque con outros dous camiños polos que baixan augas pluviais foi reforzado con formigón e dotado dun desaugue para evitar os asolagamentos. Ao tempo, despexáronse os ocos de drenaxe nos muros tradicionais para a correcta evacuación nas zonas baixas.
O vello camiño entre A Reigosa e Vilarchán, unha peza de etnografía popular con tramos realmente fermosos entre vexetación autóctona, era a vía utilizada de antigo para a comunicación entre a veciñanza destes dous núcleos próximos. Coa súa típica configuración para o ancho dun carro, discorre paralelo á estrada autonómica de Ponte Caldelas, en dirección Este-Oeste.
As persoas maiores de ámbolos dous núcleos lembran os tempos nos que utilizaban esta vía de comunicación a diario e manteñen un vínculo emocional con ela. Agora, unha vez recuperado, o camiño configúrase como unha nova alternativa para a práctica do sendeirismo en Ponte Caldelas e pasa a integrarse na súa rede.

Deja un comentario