+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

PONTE CALDELAS CELEBRA A RECTIFICACIÓN DA XUNTA DE GALICIA SOBRE O TRANSVASAMENTO DO VERDUGO


O Goberno local lembra que Augas de Galicia malgastou 150.000 euros na redacción dun proxecto contraditorio e inviable

Unha rectificación en toda regra. Así resume o Concello de Ponte Caldelas o radical cambio de postura da Consellería de Medio Ambiente sobre o transvasamento do río Verdugo na xuntanza mantida onte entre a conselleira, Beatriz Mato, e o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para analizar as opcións de reforzo para o abastecemento a Vigo e a súa área.
A Xunta de Galicia, ata o de agora firme partidaria de transvasar dende o río Verdugo en contra do estudo técnico de Augas de Galicia elaborado no ano 2011, pasou onte a defender oficialmente o transvase dende o río Miño en liña co defendido nese estudo. Un documento que Augas de Galicia agochou durante meses ata que foi desvelado polo Concello de Ponte Caldelas o pasado mes de marzo.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) asume hoxe como unha vitoria esta rectificación oficial da Consellería de Medio Ambiente, despois de case un ano de batalla administrativa e social contra a ocorrencia do transvasamento do río Verdugo. Un proxecto que se quixo tramitar pola vía de emerxencia, saltándose todas as garantías, e cuxa redacción, encargada “a dedo” a unha consultora por Augas de Galicia, supuxo o malgasto de 150.000 euros. A cifra aparece recollida na documentación enviada pola Consellería de Medio Ambiente ao Concello de Ponte Caldelas.
Ponte Caldelas dá así por pechado un conflito absurdo, que xurdiu hai case un ano e que conclúe cunha clamorosa rectificación da Consellería de Medio Ambiente, cuxa titular demostrou ignorar ou pasar por alto, os estudos técnicos do seu propio departamento.
Ao longo deste ano, Ponte Caldelas conseguiu frear a tramitación do transvasamento do Verdugo polo procedemento de emerxencia, toda vez que incumpríanse os requisitos legais para elo ao tratarse dunha obra de planificación hidrolóxica ordinaria. A continuación divulgou a existencia do estudo de alternativas de 2011, no que se descarta rotundamente o Verdugo e se aposta polo Miño ou por un segundo encoro augas arriba de Eiras. O Concello caldelán tamén demostrou que as series hidrográficas oficiais evidencian a imposibilidade de transvasar dende o Verdugo sen comprometer o seu caudal ecolóxico. Outra das actuacións consistiu na interposición dun recurso administrativo previo contra o acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo que aprobou un convenio con Augas de Galicia para o cofinanciamento das obras. Ademais advertiu á Presidencia da Xunta de Galicia da inminente interposición de recurso contencioso-administrativo para o caso de que o Consello da Xunta chegara a aprobar o convenio. Nos últimos días, tense volto dirixir ao organismo Augas de Galicia para esixir o arquivo definitivo do expediente, acto administrativo que debe notificarse ao Concello de Ponte Caldelas.

Deja un comentario