+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

CUBELA E BALSEIROS DESBLOQUEAN A PARALIZADA ROTONDA OESTE DE CERDEDO TRAS AS XESTIÓNS CON PATRIMONIO


O ente autonómico vén de aprobar a proposta dos munícipes e dá luz verde a que continúen os traballos, freados hai case un ano

-O presidente e o vicepresidente municipais de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e José Balseiros, veñen de acadar o desbloqueo da paralizada rotonda oeste da estrada N-541 á entrada de Cerdedo tras culminar con éxito varios meses de xestións e diálogo co Ministerio de Fomento e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O problema xurdiu hai case un ano cando se detectou que a nova glorieta, fundamental para regular o tráfico e os accesos nesta zona de cruce con maior seguridade, tiña un hórreo protexido no seu ámbito de afección, o que motivou que se frearan os seus traballos de construción ata acadar unha solución que non se atisbaba sinxela.

Nembargantes, Cubela e Balseiros, xunto cos servizos técnicos, elaboraron unha proposta axeitada de reubicación deste elemento patrimonial e comezaron a negociar a súa aprobación. En primeiro lugar solicitaron colaboración ao director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, nunha xuntanza mantida o pasado mes de decembro na sede do Ministerio de Fomento en Madrid e posteriormente emprenderon meses de negociacións, sempre farragosas pola complexidade administrativa, con Patrimonio ata alcanzar un acordo multilateral entre esta Dirección Xeral e Fomento nunha xuntanza recente.

A súa proposta foi aprobada onte en comisión polo ente autonómico, polo que se dá luz verde a que se retomen os traballos, que comezarán de xeito inminente e que deberían estar concluidos nun prazo breve de tempo tendo en conta que parte da estrutura lateral da rotonda xa fora acometida nos primeiros meses desde que arrancaran os traballos en 2016 cunha visita da entón ministra de Fomento, Ana Pastor.

“O diálogo e o traballo foron fundamentais”, aseveraron os munícipes, que engadiron que agardan que os novos responsables ministeriais apelen a estes dous principios “para rematar con sentido común e atendendo aos criterios de seguridade e ás demandas da veciñanza a reforma integral da N-541 ao paso polo municipio”.

Finalmente, confían en que se manteña a licitación da rotonda leste de Cerdedo, ubicada na saída en dirección cara a Ourense, antes de que remate o presente ano, tal e como se comprometera o Ministerio de Fomento.

Deja un comentario