+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

MORAÑA RESTABLECE MAÑÁ O SERVIZO INTEGRAL DE RECOLLIDA DE LIXO COA RECUPERACIÓN DA RETIRADA SELECTIVA DOS CONTEDORES AMARELOS


A anterior adxudicataria renunciou ao contrato a semana pasada por cuestións de insolvencia e o Concello acelerou a búsqueda de substituta

 

O Concello de Moraña vai deixar completamente restablecido na xornada de mañá o servizo integral de recollida de lixo no municipio coa recuperación das labores de retirada selectiva dos residuos pertencentes aos contedores amarelos, que son envases lixeiros, plásticos, latas e tetra briks.

Cómpre lembrar que a anterior firma adxudicataria xa advertira ao Concello durante o mes de agosto que estaba a ter problemas para seguir con este servizo e a semana pasada formalizou a súa renuncia por cuestións económicas e de insolvencia. Desde ese momento, o goberno local acelerou a búsqueda dunha empresa substituta e a mesma comezará a operar desde a xornada de mañá.

En principio, esta firma traballará de xeito provisional durante uns meses ata que se elabore un novo prego e o servizo saia de novo a concurso, pero para o executivo a prioridade era dar unha solución áxil ao problema e posteriormente afrontar a habitual e longa tramitación administrativa destes procesos.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, quixo solicitar desculpas polas molestias ocasionadas nestes días, aínda que deixou claro que se debeu “a un problema alleo ao Concello e que afectou así mesmo a outros municipios onde tamén traballaba esta empresa”.

Ademais, solicitou paciencia e colaboración aos veciños nestes primeiros días do novo servizo, xa que hai algunhas zonas que quedaron sen recoller durante un par de semana e que agora se tratarán de recuperar no menor tempo posible, e tamén pola necesidade de que a nova adxudicataria coñeza os lugares e o funcionamento máis axeitado para Moraña.

Polo demais, no caso do servizo de retirada do papel-cartón non houbo ningún problema e se mantivo a periodicidade de recollida quincenal tanto no casco urbano
como nas parroquias.

Deja un comentario