+034 986 09 02 04 Luns 19 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

PRETO DE 1.100 PERSOAS PARTICIPAN DURANTE ESTA FIN DE SEMANA NAS EXCURSIÓNS DO PROGRAMA “EN RUTA COA DEPO”


 

Veciñas e veciños de 8 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico

O programa “En Ruta coa Depo” organiza esta fin de semana 17 novas excursións nas que participan 1.094 persoas de 8 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 162 persoas da Asociación 7ª Lista Robaleira e da Asociación de Veciños Outeiro do Castro, visitarán o Castelo de Sobroso; Mondariz-Balneario; petróglifos de Gargamala, en Mondariz; Castro de Troña en Ponteareas.

Pola súa banda, 54 persoas pertencentes á Asociación de Maiores de Ponteareas poderán coñecer Arousa, nesta ruta marítima desfrutarán da Illa da Toxa, darán un paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación), O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.

Tamén, 108 persoas da Asociación de Mulleres Dorna e da Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabaris farán a ruta pola a illa de San Simón, o Museo Meirande, Redondela, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

Por outra banda, 378 persoas pertencentes á Asociación de Mulleres do Municipio de Silleda, ao Grupo de Danzas Folclóricas Amor Ruibal, a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra, a Anhida e ao Centro Cultural Xinzo poderán visitar as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés.

No caso da Asociación de Los Previsores de La Peña de Francia, 54 persoas coñecerán Lalín: Centro Castrodeza, Museo Municipal Ramón María Aller, pazo de Liñares, Museo Galego da Marioneta e Casa do Patrón.

Pola súa banda, 34 persoas da Asociación Viguesa de Esclerosis Múltiple de Pontevedra visitarán a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

Outras 108 persoas da Asociación de Veciños de San Roque, visitarán o conxunto histórico de Salvaterra de Miño e parque da Canuda; Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea (Arabo) e pesqueiras do Miño, en Arbo.

Tamén, 54 persoas da Asociación Cultural San Nicolás de Prado farán a ruta polo Parque de Natureza do río Barosa, en Barro; antiga azucreira, miradoiro do val do Umia e exposición sobre Domingo Fontán, en Portas; xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e Torres de Oeste, en Catoira.

No que respecta á A.V.C.D. Monte da Mina de Castrelos, 54 persoas van visitar o conxunto histórico de Cuntis (praza das Árbores, Casa Grande dos Castro…), miradoiro do parque Maráns, castro de Castrolandín e conxunto histórico de Caldas de Reis (fonte das Burgas, ponte romana, xardín botánico e carballeira).

Pola súa banda, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Os Muíños de Marcón farán a súa ruta polo Monte do Facho e Cabo Home (praia de Melide), en Cangas.

E xa por último, 34 persoas da Federación Caogami Pontevedra, coñecerán Pontevedra: conxunto histórico, Museo de Pontevedra e illa do Covo.

“En Ruta coa Depo” ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa “En Ruta coa Depo” 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.

Deja un comentario