+034 986 09 02 04 Luns 19 de Novembro de 2018

PONTE CALDELAS DESTACA A CALIDADE DA OFERTA EN CONCILIACIÓN FAMILIAR, PERO BOTA EN FALTA O COMEDOR NO COLEXIO DA REIGOSA


O Concello reitera a oferta á Xunta de Galicia para asumir directamente o custo das obras

O Concello de Ponte Caldelas iniciou o curso escolar con total normalidade e fai unha valoración positiva da oferta existente no municipio en materia de conciliación familiar e laboral. Non obstante, un ano máis, volve reiterar a súa preocupación polo desinterese da Consellería de Educación da Xunta de Galicia por dotar ao colexio da Reigosa de comedor escolar, a pesar da súa proximidade aos polígonos industriais da Reigosa e O Campiño, onde hai un alto índice de emprego feminino.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) considera que o centro urbano conta con suficientes alternativas de conciliación, pois dispón do comedor escolar no colexio Cordo Boullosa, a gardería Galiña Azul, a ludoteca municipal e, finalmente, a gardería privada Papaventos. Non así as familias cuxos nenos/as acoden ao colexio da Reigosa.
Segundo os datos dispoñibles, o comedor do colexio Cordo Boullosa funciona en horario de 14 a 16 horas. O prezo varía en función da renda dos proxenitores, dos 0 euros aos 4,50 euros. A Galiña Azul, que acolle aos nenos/as de ata 3 anos, está aberta de 8 a 16 horas e tamén dispón de comedor con bono Concilia. A ludoteca está aberta de 16 a 20.30 horas para as idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos. Finalmente, a gardería Papaventos (tamén para nenos de ata 3 anos) opera entre as 7.30 e as 20.30 horas. Dispoñen de comedor e tamén xestionan o bono Concilia.
O Concello de Ponte Caldelas, que realiza as obras de mantemento de todas as instalacións docentes públicas, volveu reiterar este ano a súa dispoñibilidade para cubrir a totalidade da demanda existente coa execución das obras dun comedor escolar do colexio público da Reigosa. Unha obra que requiriría da sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia para transferirlle os fondos, pois trátase dunha competencia autonómica.
Hai dúas semanas, o alcalde caldelán incluíu esta obra na carta que remitiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, con motivo do comezo do curso político galego. Na carta, ademais da petición dunha entrevista formal, detallou as actuacións pendentes en Ponte Caldelas, entre as que o comedor da Reigosa (así como un ximnasio digno para o centro) ocupa un lugar destacado.

Deja un comentario