+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

MORAÑA OFERTA OITO MODALIDADES DEPORTIVAS NAS ESCOLAS MUNICIPAIS E INCLÚE ACTIVIDADES ADAPTADAS PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE


Haberá baloncesto, motricidade, zumba-bodyjump, multideporte, judo, patinaxe e actividades adaptadas para nenos e ximnasia para maiores

 

O Concello de Moraña vai ofertar ata oito modalidades nas Escolas Deportivas Municipais 2018/2019 e entre as mesmas figura unha de actividades adaptadas que está orientada a persoas con discapacidade co obxectivo de favorecerlles a práctica de hábitos saudables e promover a súa integración.

Nesta ocasión, o Concello vai contar cun amplo repertorio con clases de patinaxe, judo, baloncesto, motricidade, zumba-bodyjump, multideporte e actividades adaptadas para nenos de 5 a 15 anos de idade, mentres que para os maiores de 60 anos programouse ximnasia de mantemento. As tres primeiras modalidades están subvencionadas pola Deputación, polo que poderán inscribirse rapaces doutros municipios, e comezarán o 8 de outubro, mentres que as do concello arrancarán a vindeira semana.

Por outra banda, a escola municipal de actividades adaptadas, malia que está orientada para os cativos, podería extenderse a persoas de todas as idades se hai demanda para favorecer a súa inclusión e que poidan realizar unha práctica social e deportiva de xeito conxunto que favoreza o seu desenvovlvemento.

As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición en calquera destas escolas municipais poden facelo, de xeito gratuíto, na Biblioteca Pública Municipal, sita na Casa da Cultura. Neste emprazamento tamén se aportará información ou se resolverán as dúbidas que poidan ter os usuarios. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o vindeiro vernes 28 de setembro.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, valorou “a ampla oferta de actividades deportivas e o valor engadido da súa gratuidade, o que sen dúbida favorecerá ás familias de Moraña” e destacou especialmente a modalidade de actividades adaptadas, “xa que non existe en moitos concellos e cremos que demostra a nosa aposta por facer políticas e gobernar para todos os veciños”. Finalmente, quixo animar a todos os nenos, maiores e persoas con discapacidade do municipio a
inscribirse nestas escolas municipais.

Deja un comentario