+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CÉSAR MOSQUERA: “O SISTEMA DE COMPOSTAXE QUE ESTAMOS IMPLANTANDO XA TRANSCENDE FRONTEIRAS”


O vicepresidente da Deputación recibe á economista xaponesa Kaori Kii que está a compilar experiencias de compostaxe por varios continentes
Kaori Kii salientou a sustentabilidade da compostaxe in situ que se realiza na residencia da terceira idade de Vilaboa e no centro Príncipe Felipe
Xapón súmase ao interese internacional que está xerando o Plan Revitaliza e confirma, en palabras do vicepresidente da Deputación que “o sistema de compostaxe que estamos implantando na provincia xa transcende fronteiras”. César Mosquera, que recibiu esta mañá á economista xaponesa Kaori Kii, da Axencia de Cooperación Internacional do Xapón, lembrou que o interese procedente do país nipón se suma ás visitas anteriores de países como Brasil e Italia. Mosquera explicou que a visita da xaponesa se enmarca nunha xira que está a realizar por varios continentes para compilar fórmulas de compostaxe e na que decidiu incluír Pontevedra como un dos referentes das experiencias en marcha. Informou, ademais, que Kaori Kii xa estivo na tarde onte visitando composteiros en Vilaboa e Pontevedra, acompañada polo asesor provincial Carlos Pérez, como parte dunha “axenda moi axustada” que tamén inclúe encontros co persoal técnico especializado que está participando na implantación da compostaxe na provincia.
O interese nesta experiencia responde, segundo explicou Carlos Pérez, a que “Xapón é un dos países máis incineradores do mundo e a Axencia Internacional está intentando diversificar a súa xestión de residuos coñecendo outros sistemas que xa están en marcha”. Tras as visitas de onte a composteiros comunitarios, Kaori Kii salientou como un dos puntos máis positivos “a compostaxe que se realiza no propio lugar” -referíndose á compostaxe que se realiza na residencia da terceira idade de Vilaboa e no centro Príncipe Felipe- por entender que é unha fórmula “sustentable” e que limita o “esforzo” de trasladar os residuos. A economista xaponesa amosouse “moi impresionada” polo funcionamento do modelo pontevedrés e asegurou que lle gustaría que “se collera este costume” no seu país, onde a educación ambiental ten unha gran consideración. Como exemplo da importancia de educación ambiental, Kaori Kii explicou que no Xapón o alumnado despois de xantar debe ocuparse de recoller e limpar posto que non dispoñen de servizo de limpeza nos comedores escolares, polo que sería interesante que introducir pautas de compostaxe neste tipo de tarefas xa implantadas.
Na mañá de hoxe e antes de comparecer ante os medios, Kaori Kii mantivo un encontro de traballo con César Moquera no que puido profundar na filosofía de traballo do Plan Revitaliza. Así, o vicepresidente fixo especial fincapé en destacar como un dos puntos fortes no éxito da experiencia o feito de contar con persoal técnico cualificado e formado especificamente para este Plan a través da Facultade de Compostaxe. Kaori Kii tivo, ademais, a oportunidade de coñecer ao persoal técnico na súa visita que, entre a tarde de onte e a mañá de hoxe, incluíu un percorrido polos composteiros comunitarios instalados en Vilaboa – na residencia de terceira idade, fronte ao Concello e no restaurante Luis-, e en diversos puntos de Pontevedra como Monte Porreiro, Ponte boleira, Eduardo Pondal, no campus universitario, e en Príncipe Felipe, onde a visita se focalizou en como os residuos producidos pechan o círculo in situ para converterse en fertilizantes que son utilizados na horta do Carlos Oroza.

Deja un comentario