+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

UNHA CHARLA CON DESTACADOS CRÍTICOS E ACTIVIDADES PARA A RAPAZADA DARÁN PASO Á GALA DO FICBUEU


Cineastas internacionais participarán mañá na cerimonia de entrega de premios canda intérpretes e directores galegos
Unha decena de cineastas internacionais, profesionais galegos e críticos de recoñecido prestixio daranse cita na Gala de Clausura que porá mañá punto e final a un intenso FICBUEU 2018. Intérpretes da talla de Antonio Durán ‘Morris’ e Mónica Caamaño, destacados directores como Álvaro Gago, Fon Cortizo ou Noemí Chantada e mais críticos cinematográficos coma Jordi Costa e Manu Yañez, canda membros do xurado internacional desta edición, mesturaranse co público nunha concorrida cerimonia de entrega de premios, se ben a axenda de actividades continúa esta tarde e mañá cun amplo programa.
Tras as proxeccións para escolares que se desenvolveron polas mañás, as actividades para a rapazada continúan esta tarde cun contacontos de cinema da man de Olalla González, ás 17.30 horas no Punto de Encontro, onde a autora de Kalandraka lles achegará ás nenas e nenos diferentes xéneros cinematográficos a través de personaxes literarios. As proxeccións da xornada darán comezo ás 18 horas coa Sección Panorama, con entrada de balde, que reúne as mellores curtas a nivel mundial que quedaron ás portas de entrar en concurso.
Os últimos pases da competitiva Sección Internacional, que vén ateigando o patio de butacas do Centro Social do Mar durante toda a semana, volverán ter lugar ás 19.45 e ás 22 horas. Hoxe coa fita francesa ‘Ce qui nous tient’, do director Yann Chemin; ‘Bonobo’, realizada polo suízo Zoel Aeschbacher; e mais as suecas ‘Min börda’, de Niki Lindroth Von Bahr, e ‘Skuggdjur’, de Jerry Carlsson. No coloquio das 21.15 horas intervirán a produtora desta última, Frida Martensson, e o produtor da primeira, Thomas Schober.
O debate sobre cinema continuará mañá sábado ás 11.30 horas coa charla ‘Á crítica de cine’, na que catro das firmas máis relevantes da crítica cinematográfica española achegaranlle o seu oficio ao público mentres degusta un vermú cortesía de Bodegas Lodeiros. Jordi Costa, Jara Yáñez, Sergi Sánchez e Manu Yáñez, que adoitan publicar en cabeceiras como El País, Fotogramas ou Caimán, discutirán sobre algúns dos filmes máis controvertidos dos últimos anos no panorama español e internacional, moderados pola xornalista Natalia Alonso.
En paralelo, a partir das 11 horas, continuarán as actividades para a rapazada coa Gala Escolas Galegas no Centro Social do Mar, onde se proxectarán os dez traballos finalistas deste apartado e se entregarán os premios das tres categorías nas que se subdivide: educación especial, infantil e primaria; educación secundaria, e mais facultades e escolas de imaxe. O evento, que pon en valor o gran traballo que se está a realizar desde os centros educativos en materia audiovisual, estará dinamizado por Paco Nogueiras quen, ás 12.30 horas, ofrecerá ademais o espectáculo Radio BuleBule, que convida a vivir a radio en vivo nun programa cheo de humor e música. Xa pola tarde, ás 16.30 horas, as e os creadores das curtas seleccionadas para a Sección Escolas Galegas participarán nun obradoiro de interpretación onde o realizador Nani Matos achegará aos participantes á dirección actoral.
As actividades de peche do 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu iniciaranse ás 20.30 horas nos exteriores do Centro Social do Mar cun concerto da Banda de Música Artística de Bueu, encadrado no plan Pontegal da Deputación de Pontevedra e que estará protagonizado polas bandas sonoras de grandes clásicos do cinema. Ás 21.30 horas arrincará no auditorio a Gala de Clausura, para a que esta mesma tarde se porán á venda as últimas entradas no despacho de billetes. No acto entregaranse os galardóns ás obras premiadas e volverán proxectarse os filmes que obtiveron a Ánfora de Ouro e o Premio do Público.
Ademais dos autores das curtas, na gala estarán presentes destacados persoeiros da industria cinematográfica e epresentantes do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, entre outras entidades patrocinadoras, que desfilarán por diante do tapiz de flores elaborado pola Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu. A cerimonia estará conducida polo actor César Aldea, acompañado por Severiano Casalderrey ao piano, e ademais, e poderá seguirse en streaming e poderá comentarse a través das redes sociais. Ao remate, as persoas asistentes terán acceso á Festa de Clausura, un encontro entre organización, convidados e público que se desenvolverá no primeiro andar do Centro Social do Mar para poñer o ramo ao 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.
Antes de que chegue o gran momento para os cineastas, os convidados internacionais do FICBUEU 2018 están a coñecer a nosa riqueza cultural, natural e gastronómica da man de Turismo de Galicia. Se onte visitaron Cabo Udra coa colaboración de Estela Arqueoloxía e Patrimonio, hoxe viaxaron á Illa de Ons con Nabia e mañá ás 16 horas gozarán dun paseo pola ría a bordo das embarcacións tradicionais da asociación Os Galos. Previamente, no xantar, terán ocasión de coñecer as excelencias das nosas rías con pescadeRías, que organiza unha visita guiada polo peirao, pola praza de abastos e mais un coctel baseado en produtos do mar.

Deja un comentario