+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

CUBELA: “O PSOE TEN QUE DEIXAR DE BOTARLLE A CULPA AO PP, ASUMIR A SÚA RESPONSABILIDADE EN FOMENTO E MANTER PARADA A OBRA EN VIASCÓN”


O presidente municipal e da agrupación local visita a zona co deputado Tomás Fole e manteñen unha xuntanza cos veciños para decidir os vindeiros pasos

 

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade e máximo responsable da agrupación local do PP, Jorge Cubela, criticou duramente na xornada de hoxe ao PSOE tanto pola decisión de reactivar a reforma da travesía de Viascón na N-541 desde o Ministerio de Fomento como de querer culpar ao anterior executivo central desta medida por parte do grupo municipal. “O PSOE, tanto en Madrid como en Cerdedo-Cotobade, o que ten que facer é deixar de botarlle a culpa ao PP por todo e ten que asumir a súa responsabilidade e a súa competencia, que agora mesmo pasa por dirixir o Ministerio de Fomento, polo que está nas súas mans, se apoian o sentido común e aos veciños de Viascón, manter parada a obra nesta parroquia”, afirmou.

 

Cubela visitou esta tarde a parroquia en compañía do deputado nacional do PP Tomás Fole para explicarlle de primeira man a situación e que faga xestións directas desde o Congreso e nos demais foros políticos da capital e ambos mantiveron, a pé de estrada, unha xuntanza cos veciños e representantes da comunidade de montes para decidir os vindeiros pasos de cara a conseguir que se volva a frear esta obra. Neste senso, polo momento non se tomou unha decisión definitiva, xa que as distintas posibilidades, desde pancartas reivindicativas ata mobilizacións, maduraranse nos próximos días.

 

O presidente enumerou os feitos lembrando que “este proxecto foi aprobado polo ministro socialista José Blanco en 2007, pero non se chegou a executar pola chegada da crise, e foi retomado no ano 2015 polo gabinete de Ana Pastor ante o deterioro da estrada nacional e a existencia de máis fondos para investimentos”. “Nese intre os veciños de Viascón amosaron o seu rexeitamento ao proxecto na súa travesía, xa que carecía de sinistralidade e ía dividir a parroquia

coa medianeira central e a vía lateral de servizo, polo que desde o Concello asumimos as súas reivindicacións e demandas”, proseguiu, antes de detallar que a paralización do proxecto acadouse en maio de 2016 nunha reunión mantida en Madrid coa ministra. “O proxecto quedou descartado e proba delo é que, nestes dous anos, case se completou a reforma da estrada N-541 en moitos puntos ao seu paso polo noso municipio e en Viascón non houbo actuación ningunha nin había visos de habela ata que chegaron os socialistas”, concretou.

 

“Non tiven ningún reparo en reunirme con alguén tan importante do meu partido como Ana Pastor para dicirlle que non fixera algo que tiña previsto en aras do interese xeral, do sentido común e dos veciños de Viascón e agora os socialistas teñen que facer o mesmo, se realmente lles importa algo este concello, pero vendo a súa postura inicial de poñerse de lado dos seus compañeiros políticos, malia que non lles ampara a razón, e de atacar ao PP, xa imaxino que non o van facer”, lamentou Cubela, que amosouse moi crítico coa voceira municipal, Lina Garrido: “Minte, ten a lei do embudo, co lado ancho para os seus e o estreito sempre para o PP, e nunca fai nada de proveito, xa non polo Concello, senón polos veciños”.

 

“Lina Garrido tivo a cara de dicir que a reactivación do proxecto é cousa do PP porque eles levan só dous meses e medio e agora non se podía parar. Falta ao respecto a todo Cerdedo-Cotobade, porque a obra estaba paralizada e, se como ela di os novos responsables socialistas non fixeron nada para activala, non aparecerían do aire as expropiacións xusto aos dous meses de que eles chegaran ao Goberno Central”, dixo Cubela, que ironizou con que “seguro que se tratou dunha casualidade”.

 

En calquera caso, e sen querer entrar en máis leas cos socialistas, explicoulle á voceira municipal que “en política todo é posible, só hai que ter vontade e gañas de traballar polos teus, polo que, como xa sei que Fomento a min non me vai recibir, que faga ela as xestións, como fixen eu con Ana Pastor, e que manteñan paralizada a obra. É moi sinxelo, porque querer é poder, pero ela nin quere, porque pasa dos veciños de Viascón e só quere desgastar a este goberno aínda que sexa con mentiras, nin pode, porque no seu partido non lle fan nin caso”.

Deja un comentario