+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

O CONCELLO DE BUEU CREA UN PARQUE INFANTIL NA ANTIGA ESCOLA UNITARIA DE CABALO


O Concello de Bueu continúa co avance nas obras para dotar de parques infantís a varias zonas do municipio, así como remodelar outros que se atopan en mal estado. No marco do proxecto, financiado con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, xa está rematado o da Antiga Escola Unitaria de Cabalo, en Beluso, que esta mañá visitaron o alcalde da vila, Félix Juncal, así como Fidel Castro, concelleiro de obras e servizos, Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico municipal.
Durante a visita, o rexedor anunciou que hoxe se procedeu a retirar o pavimento e os aparatos do parque da Praza do Concello para a súa substitución por un novo chan e xogos, e nos vindeiros días comezarán os traballos no do Outeiro. En canto ao da Casa da Aldea de Meiro, que estaba programado para comezar estes días, decidiu atrasarse debido a que o Concello valorou unha actuación de mellora no propio recinto e esta debe realizarse antes do parque, tal e como xa se lle comunicou aos representantes da Asociación Veciñal da Morada.
Así mesmo, tamén se renovaron os parques de María Eugenia e Sanamedio, e as tres zonas de biosaudables no Parque Ramal dos Galos, Pescadoira e no paseo de Agrelo – Portomaior.
Por último, no proxecto está contemplada a instalación dun novo módulo no skate park das Lagoas, instalación utilizada por moitas persoas, sobre todo novas, e que precisa dunha renovación.
O proxecto dos parques tiña un prezo total de licitación de 237.846,77€ , IVE incluído, aínda que se dividiu en tres lotes, correspondentes aos parques infantís, zonas biosaudables e skate park. No primeiro caso, adxudicouse a Bricantel SL por un importe de 144.895,48.-€. A mesma empresa resultou adxudicataria tamén do segundo, cun importe de 15.530,41.-€, e do terceiro, Zona de Obra O Rosal SLU, de 6.353,76.-€.

Deja un comentario