+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

FOTOGRAFÍAS TOMADAS ESTE MESMO MARTES POÑEN Á VISTA AS “MENTIRAS DESVERGONZADAS” DO PP DO PORRIÑO CANDO DENUNCIA O ABANDONO DA PARROQUIA DE CANS POR PARTE DO GBERNO LOCAL


“Unha mentira descarada”. Así vén de cualificar o concelleiro de Limpeza, Orlando Márquez, a nota enviada aos medios de comunicación polo Partido Popular do Porriño, na que denuncia o suposto “abandono” da parroquia de Cans por parte do Goberno local, facendo mención, expresa do estado do banco de madeira do torreiro e a zona de A Graña.
As fotografías tomadas este mesmo martes desminten, sen máis, esta manipulación do PP local que, sinala Márquez, está metido nunha espiral de embustes cos que, ademais de mangonear aos xornalistas, pretenden tomar por parvos aos veciños do Porriño, coma xa tentaran facer, sen éxito, cando estaban no Goberno municipal.
O banco de madeira do torreiro está reparado hai moitos días e nesta mesma semana está previsto darlle unha imprimación para protexelo de cara ao inverno, algo que é ben doado de comprobar.
Tamén pódese verificar que na zona de A Graña, da que falan tamén os responsábeis do PP do Porriño, está todo limpo logo de que se traballase nela dende hai máis de dúas semanas, o mesmo que acontece en A Carreira e “en toda a parroquia de Cans”, onde seguirá a limpadura e os arranxos ata finais deste mes.
Orlando Márquez nega que haxa abandono algún en Cans por parte do Concello, lembra que ese desleixo sí era o habitual cando o Partido Popular gobernaba no Porriño, como o eran as mentiras desvergonzadas coma esta, un costume que se ve que non perderon.

Deja un comentario