+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

O CONCELLO ACOMETERÁ DIVERSAS OBRAS CON CARGO AOS REMANENTES DO PLAN CONCELLOS 2016 DA DEPUTACIÓN


En concreto, pavimentaranse os viais da Cereixeira e o de baixada á praia de Area de Bon, e tamén se construirá un novo vestiario na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira
O Concello de Bueu acometerá tres proxectos con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra, concretamente a pavimentación dos camiños da Cereixeira (A Graña), o da baixada á praia de Area de Bon (Beluso), e a creación dun vestiario para homes, que complementará o de mulleres, na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira. O alcalde salientou que o Concello está á espera da autorización para o uso destes remanentes e tan pronto como se reciba procederase á contratación das actuacións.
O camiño da Cereixeira, cuxo proxecto consta dun orzamento de 17.091,93 €, está situado no lugar de Graña e dado o seu mal estado procederase a unha actuación de pavimentación. Así mesmo, no vial de baixada á praia de Area de Bon, moi utilizado pola cidadanía sobre todo na época estival, tamén se vai acometer o seu arranxo. Esta actuación está valorada en 47.132,88 €, e o seu prazo de execución será dun mes.
Por último, na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira está programada a construción dun módulo de vestiarios para homes, que completará o xa existente de mulleres, e que incorporará duchas e aseos.
Tal e como consta no proxecto da obra, valorada en 46,270,17 €, a nave está dividida en dous: a parte situada ao Este está dedicada á restauración e construción de embarcacións tradicionais, e a Oeste ao deporte de remo nas súas diversas variedades, fundamentalmente remo en equipo. Na zona de vestiarios desta última zona construíuse un módulo de baños para mulleres fai un ano.

Deja un comentario