+034 986 09 02 04 Domingo 09 de Agosto de 2020

O GOBERNO DE CARMELA SILVA PON EN MARCHA ”VENDIMA CON NÓS” UNHA NOVA INICIATIVA MEDIANTE VISITAS GUIADAS PARA IMPULSAR O TURISMO SUSTENTABLE


O programa, que se celebra desde esta fin de semana no Castelo de Soutomaior, está dirixido a amantes do enoturismo e familias con ganas de coñecer a cultura da vendima

A Deputación de Pontevedra celebra desde esta fin de semana a actividade “Vendima con nós” no Castelo de Soutomaior, unha nova aposta polo turismo sustentable e orientada a amantes do enoturismo e familias con ganas de aprender e coñecer en que consiste a vendima. As persoas interesadas en participar nestas visitas guiadas, que se celebrarán os días 22 e 23 de setembro entre as 12 e as 17 horas, e a partir do día 25 que previsiblemente será a data de inicio da vendima nos viñedos do Castelo, deberán inscribirse a través do correo electrónico castelodesoutomaior@depo.es, ata chegar a un máximo de grupos de 25 persoas.

Máis polo miúdo, tanto o sábado como o domingo, a xornada dará comezo as 12 da mañá na caseta do Castelo e a partir de aí comezará unha visita na que os participantes se desprazarán cara a zona de viñedos. Durante esta actividade, que terá unha duración aproximada de unha hora e 2 quilómetros de distancia, abordaranse cuestións relacionadas co tipo de uva, a situación dos viñedos, en que consiste a vendima e outras explicacións relacionadas con esta tarefa.

Precisamente este venres remata o prazo de solicitudes das empresas que queiran optar a realizar a vendima no Castelo. A firma, seleccionada a través dunha poxa pública mediante procedemento aberto, comezará os traballos da explotación vitivinícola previsiblemente a partir do día 25. Todas as persoas interesadas poden acercarse ao castelo e presenciar esta colleita “en vivo e en directo”.

O obxectivo desta iniciativa é impulsar o turismo sustentable, desestacionalizado e de calidade nas Rías Baixas ao tempo que se promociona o produto autóctono, neste caso relacionado coas producións vinícolas, ofrecendo unha experiencia enoturística única e diferente. Neste senso, o goberno da Deputación mantén o seu compromiso por converter ao turismo no motor de desenvolvemento social, económico, cultural e ambiental da provincia.

 

O ano pasado, a vendima do Castelo deixou preto de 16.000 quilos de uva albariña que foi colleitada pola adega Quinta das Eirás. As previsións de colleita para este ano son similares, debido a boa calidade e cantidade de uva que presenta a explotación. O Castelo de Soutomaior, fortaleza da Idade Media que hoxe en día é patrimonio público, foi adquirido pola institución provincial no ano 1982 e os seus viñedos, que contan con catro hectáreas de extensión datan do ano 1984.

Deja un comentario