+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

A DEPUTACIÓN MELLORARÁ A ESTRADA PROVINCIAL EP-7201 CACHAFEIRO-SILLEDA NOS CONCELLO DE FORCAREI E SILLEDA


O deputado Uxío Benítez explica que o investimento provincial supera os 450.000 euros

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai rehabilitar de xeito integral o firme da estrada provincial EP-7201 Cachafeiro-Silleda, ao seu paso polos termos municipais de Forcarei e Silleda. Esta actuación, que será aprobada este venres en Xunta de Goberno provincial, ten un orzamento de 453.104,89 euros e un prazo de execución de catro meses.
Logo da aprobación formal iniciaranse de xeito inmediato os trámites da contratación: as empresas interesadas en realizar a obra poderán presentar as súas ofertas e o persoal técnico provincial valorará cal é a mellor oferta económica e técnica para a adxudicación final, que se prevé pechar neste ano para comezar obra a inicios de 2019.
O deputado Uxío Benítez explica que a intención deste proxecto, que abrangue melloras puntuais dende o punto quilométrico 0+840 ata o 22+580, é mellorar a seguranza viaria e peonil, salvagardando a prestación de servizo público. As obras mellorarán a plataforma da vía coa pavimentación da traza existente, dentro do dominio público viario e sen ocupar outro tipo de terreos: levantarase todo o firme actual en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma. Así mesmo, mellorarase a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas, entre outros).
O departamento de Mobilidade provincial está a atender, con esta actuación, unha das solicitudes da alcaldesa de Forcarei e do alcalde de Silleda, que manifestaran o seu interese por mellorar esta estrada provincial polo seu tránsito, xa que comunica varios núcleos interiores dentro do concello de Forcarei e conecta tamén o Tabeirós co Deza.
Segundo os datos do último estudio de aforos realizado pola Deputación en 2017 a EP-7201 presenta un tráfico medio duns 1.500 vehículos: no aforo realizado no primeiro treito da vía (entre Cachafeiro e a EP-6501 Grava-Escuadro), concretamente no punto 3+300, a intensidade media diaria ascendía a 1.138 vehículos, mentres que no segundo treito (entre a EP-6501 e Silleda), no PQ 22+000, o número medio de vehículos por día foi de 2.058.

Deja un comentario