+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

SUSANA SÁNCHEZ ARÍNS GUIARÁ UN ROTEIRO LITERARIO SOBRE A REPRESIÓN FRANQUISTA NOS CONCELLOS DE RIBADUMIA, MEIS E BARRO


Está centrado nos espazos físicos que aparecen na súa obra ‘seique’ e cada parada estará relacionada cun tipo de represión
É o único dos sete roteiros que oferta a Deputación que é esencialmente rural, polo que o percorrido inclúe servizo de autobús
‘seique, quando os passeios eram morte’ é o título escollido por Susana Sánchez Aríns para o roteiro literario que guiará por diversos puntos dos concellos de Ribadumia, Meis e Barro. Este roteiro, que é o quinto dos sete que organiza este ano o departamento de Cultura e Lingua da Deputación en colaboración coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, aínda permite inscricións para a lista de reserva de última hora, no enderezo roteiros.cultura@depo.gal. A particularidade deste paseo literario radica en que é o único que transcorre por puntos do rural, polo que o percorrido se realizará en autobús.
Precisamente o feito de que transcorra só por zonas rurais é unha das características que salienta a autora, quen asegura que “moitas veces parece que o rural na literatura xa non existe e por iso este roteiro é diferente e é o único desta xeira que se ten que realizar en autobús”. Hai que lembrar que esta iniciativa o que pretende é, en palabras do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, “poñer en valor os espazos nos que transcorren as obras, para que a literatura na nosa lingua teña vida máis aló do libro e que se relacione a historia que narra co lugar onde transcorre”. Neste sentido, Susana Sánchez Aríns indica que “o roteiro está concibido para seguir o percorrido que os asasinos realizaron cando pasearon a Ramón Barreiro e a Castor Cordal no ano 36, polo que tamén é unha homenaxe a estas dúas persoas”.
O punto de partida do paseo será a Ponte Arnelas e rematará na igrexa de Barro, no lugar onde se atopa a fosa onde están soterrados Ramón Barreiro e Castor Cordal. Durante a hora e media do paseo, Susana Sánchez Aríns irá deténdose en espazos significativos na época que recrea a obra –anos posteriores a 1936- e que na actualidade xa están transformados e xa non dan mostra da súa vinculación co pasado. A idea da autora é dotar a eses puntos da carga simbólica que aparece no libro ‘seique’ a través de fotografías antigas e da lectura de fragmentos do libro, cuxo argumento central versa ao redor da historia familiar dun represor da ditadura, denominado na obra ‘o tío Manuel’. Ademais cada parada estará relacionada cun tipo de represión, desde os desfiles de louvanza ao caudillo aos que era obrigatorio asistir ata os lugares nos que foron asasinadas ou enterradas as persoas represaliadas.
O roteiro de Ribadumia, Meis e Barro xa é o quinto dos ofertados no Ano da lingua. Continuarán o sábado 29 en Tui con Marga do Val como guía e rematarán en Bueu,o sábado 6 de outubro, con Lucía Novas guiando o percorrido dedicado a Johan Carballeira.

Deja un comentario