+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ACHEGARÁ 9.000 EUROS AO CONCELLO DE CUNTIS PARA A REDACCIÓN DUN PLAN DE MOBILIDADE SUSTENTABLE


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o obxectivo é dotar ao municipio dunha ferramenta para mellorar a rede de estradas e espazos públicos e incluso optar a fondos europeos
A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vén de dar o visto bo a unha subvención de 9.000 euros para que o Concello de Cuntis redacte un Plan de Mobilidade Sustentable (PMS). Segundo asegura o deputado Uxío Benítez, este documento servirá como ferramenta para decidir sobre as melloras na rede de estradas e espazos públicos, optimizar recursos e actuacións nas súas infraestruturas viarias, e incluso acceder, no seu caso, a fondos europeos de mobilidade.

A concesión da axuda provincial ao Concello de Cuntis foi estimada logo de varios trámites. Agora o goberno local deberá redactar e presentar o seu PMS nun prazo de 12 meses, para logo ser valorado polo persoal técnico do departamento provincial de Mobilidade. Deste xeito, Cuntis pasa a formar parte do grupo de 41 concellos de menos de 50.000 habitantes que se repartiron un importe de 570.000 euros na convocatoria de subvencións da Deputación para fomentar a mobilidade sustentable.

O PMS deberá ser cofinanciado por parte do concello cun 25% (sendo o montante total do traballo de 12.000 euros), e aprobado en Pleno para garantir a súa executabilidade, xa que a intención é que sexa un documento operativo de planificación. Segundo manifesta o deputado Uxío Benítez, o obxectivo deste documento será modificar a mobilidade urbana na vila promovendo estratexias de baixa emisión de carbono e melloras da contorna urbana “para conseguir espazos que melloren a calidade de vida da cidadanía”.

A consultora que contrate o Concello coa subvención provincial deberá realizar unha toma de datos e análise de normas e plans urbanísticos, física e territorial, socioeconómica e demográfica, de transporte e circulación, enerxética e medio ambiental, de seguranza viaria e de recompilación de participacións cidadás.

Ademais, deberá identificar problemas e retos, con propostas e obxectivos específicos, entre os que destacan as medidas de fomento dos desprazamentos en modos non motorizados (con peonalizacións, creación de sendas peonís, carrís bici…) e medidas de reordenación e mellora do transporte público, de xestión de aparcamentos, de desconxestión viaria, de distribución e control de accesos, de futuro desenvolvemento do viario, medioambientais e de protección e de fomento en centros atractivos de actividade.

Finalmente, os PMS deberán concretar un plan de implantación cun cronograma orzamentado con proxectos de obras que poderán ser financiadas tanto por fondos municipais, provinciais, autonómicos, estatais como fondos europeos. En concreto, a liña de subvención para a redacción de Plans de Mobilidade da Deputación esixe que se recolla de forma clara a priorización de actuacións e a metodoloxía proposta para executalas, facilitando a xestión aos responsables municipais.

Deja un comentario