+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

OS BOLECHAS EN PERSOA VISITARÁN A ESTRADA O VINDEIRO LUNS


Participarán na inauguración da mostra sobre o galego que se instalará na praza do Concello
‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’ é unha mostra participativa orientada a público infantil e familiar para percorrer o galego de todo o país a través do universo Bolechas
O vindeiro luns Os Bolechas en persoa serán os encargados de inaugurar a exposición sobre o galego que permanecerá nunha carpa instalada na praza do Concello de A Estrada, onde poderá visitarse ata o 4 de outubro. Á inauguración, que está prevista para as 11:30h, asistirá o rexedor da localidade, José López, representantes da Editorial Bolanda, o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e un grupo de nenos e nenas do CEIP Pérez Viondi.
‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’ propón un percorrido participativo pola riqueza do idioma galego ao longo e ancho do país, con actividades e xogos que introducen á rapazada no universo Bolechas. A mostra, ademais de didáctica, tamén é inclusiva e multisensorial atendendo ás necesidades de todo tipo de persoas, incluso as que teñan algún tipo de dificultade ou discapacidade. Para iso, propón un itinerario dividido en varios espazos que convidan á experimentación e á diversión, con xogos, paneis interactivos, zonas táctiles e áreas multisensoriais de luces e cores para estimular a aprendizaxe, e unha aula-auditorio para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.
Esta exposición está a viaxar por todas as comarcas da provincia cunha mensaxe pedagóxica e de contacto coa nosa lingua da man da familia literaria e televisiva dos Bolechas, transmisores de valores como a amizade, o coidado do medio ambiente, a vida sa, a solidariedade ou a integración. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos de cada comarca –os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155-, e polas tardes abre para todo tipo de público.

Deja un comentario