+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DÁ O VISTO BO OFICIAL AO PROXECTO DA ESTRADA PROVINCIAL DE CAMPELO


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a contratación das obras é inminente e que o prazo de execución será de 12 meses logo do inicio

A actuación inclúe unha grande praza de 1.000 metros cadrados na Granxa, unha senda peonil e espazos de convivencia, así como novos servizos urbanos

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou esta mañá oficialmente o proxecto de execución da obra de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0601 en Campelo. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegurou esta actuación, cun orzamento de máis de 1.750.000 euros, suporá un importante cambio para a veciñanza de Poio logo de 23 anos de espera pola reforma da vía.
Benítez lembrou que tras o constante debate sobre que se debía facer na estrada, o departamento de Mobilidade da actual Deputación optou por levar adiante un proxecto razoable adaptado á realidade urbanística do Concello, e que aportase un bo servizo de acceso aos equipamentos presentes na zona: o colexio de Lourido, o centro deportivo e o centro de saúde de Anafáns.
O proxecto, explicou o nacionalista, abarcará 1.800 metros de lonxitude desde a intersección das rúas Beiramar e Pai Avelino, ata o cruzamento coa Avenida Peirao Bicada. Crearase nese ámbito unha nova senda peonil de 2,5 metros de largo e dúas plataformas de convivencia con preferencia peonil nos puntos nos que non hai sección suficiente para permitir un paso segregado. Neses ámbitos calmarase o tráfico ata 20 e 30 quilómetros hora con redutores de velocidade para que exista unha convivencia segura.

A nivel de deseño, un dos puntos máis destacados da actuación será a confluencia entre a EP-0602 e a EP-0601, na zona da Granxa, onde o actual espazo seccionado polas estradas pasará a ser unha gran praza continua duns 1.000 metros cadrados recuperada para as persoas. Tamén haberá renovación de servizos urbanos (abastecemento, pluviais, fecais, soterramento de liñas eléctricas e de telecomunicacións), así como instalación de novo mobiliario e iluminación led.

Benítez lembrou que o proxecto para esta estrada de Campelo completarase tamén coa actuación na EP-0602 de baixada á lonxa, que será aprobada nas vindeiras semanas cun orzamento de medio millón de euros e unhas características similares. “Estes proxectos representan a nosa filosofía, que as persoas son a prioridade das nosas actuacións, e van cambiar totalmente a visión urbanística do Concello en Campelo”, destacou o nacionalista, quen se congratulou de que a mellora das estradas sexa “unha realidade demostrada con feitos”.

O proxecto pasa agora de xeito inmediato á fase de licitación, publicándose na plataforma electrónica de Contratación para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas. O persoal técnico provincial valorará cal é a mellor proposta económica e técnica para a adxudicación. Logo asinarase o contrato, farase replantexamento dos traballos e haberá un prazo de doce meses para realizar a actuación contando dende o seu inicio. Benítez subliñou que a Deputación quere que a mellora de Campelo sexa unha realidade canto antes polo que está a traballar para que as obras poidan comezar este mesmo ano.

Deja un comentario