+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

PAZOS DE BORBÉN ACOLLE ESTE LUNS UNHA XORNADA INFORMATIVA SOBRE O SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


Este ano a institución provincial atende no marco deste servizo a preto de 600 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes

A Deputación organizou o ano pasado dezasete sesións informativas que permitiron duplicar o número de solicitudes mensuais do servizo de teleasistencia domiciliara
A Deputación de Pontevedra inicia este luns 24 de setembro as sesións informativas sobre a teleasistencia domiciliaria, servizo que a institución provincial financia en colaboración con 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes cos que ten asinado un convenio de colaboración. Concretamente, o inicio destas xornadas será este luns ás 19.30 horas no Centro Social Amoedo Igrexa nº54 do concello de Pazos de Borbén.

As charlas informativas que promove a institución provincial teñen por obxecto dar a coñecer á veciñanza a importancia do servizo para previr situacións de risco. Así, ata o momento foron 25 os concellos que solicitaron que se leve a cabo a sesión informativa: Agolada, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Portas, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño e Vila de Cruces.

O ano pasado, a institución provincial organizou dezasete xornadas informativas que permitiron ata duplicar o número de solicitudes mensuais do servizo de teleasistencia. Ademais, estas xornadas permitiron visibilizar o servizo que, neste ano, está a atender a preto de 600 persoas de 46 concellos da provincia.

A teleasistencia domiciliaria permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida que isto implica. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de “mans libres” dos teléfonos móbiles.
Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas. O servizo complétase con visitas regulares aos usuarios e usuarias co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas e xornadas de convivencia.

O obxectivo fundamental do servizo de teleasistencia é permitir a permanencia das persoas usuarias no seu medio de vida habitual e o contacto permanente co seu entorno socio-familiar, evitando o illamento social, a soidade e asegurando a intervención inmediata ante situacións críticas, o que repercute moi positivamente na calidade de vida destas persoas..

Deja un comentario