+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

Antón Louro ordena a paralización das obras dun muro de contención na Ruibal (Salcedo)


A construción contaba con licenza municipal, pero comprobouse que non garda a distancia regulamentaria ao eixo do camiño

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asinou esta mañá un decreto polo que ordena a suspensión inmediata das obras de construción dun muro de contención no lugar da Ruibal número 9, na parroquia de Salcedo.
Aínda que a obra ten licenza municipal, concedida pola Xunta de Goberno Local o pasado 3 de novembro, o promotor non respectou a obriga de gardar un recuado de catro metros sobre o eixe do camiño.
Antón Louro dálle ao promotor un prazo de 24 horas para a retirada da maquinaria e os acopios de pedra e materiais que se están a utilizar. En caso de non facelo, será o propio Concello o que proceda á retirada. Ademais, incóase expediente de disciplina urbanística e ordénase á Policía Local que proceda a revisar o estado da obra cada tres días.
A resolución indica que o Concello recibiu unha primeira denuncia o pasado mes de decembro por parte da asociación de veciños Estrigueiras. A Inspección municipal visitou a obra o 17 de decembro. O informe, daquela, resultou favorable ao apreciarse que se estaban movendo terras na zona onde o muro tiña caído e non apreciarse incumprimento das condicións da licenza.
Non obstante, os veciños reiteraron a denuncia hai uns días, polo que esta mañá repetiuse a visita da inspección municipal. Desta volta apreciouse a construción dunha estrutura de 26 metros de lonxitude e que só garda unha distancia de 2,30 metros sobre o eixe do vial.
Os prazos para a paralización comezarán a contar dende o momento da notificación oficial ao promotor das obras.

Deja un comentario