+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A MOSTRA DOS BOLECHAS CHEGA Á COMARCA DE TABEIRÓS E TERRA DE MONTES


A mostra permanecerá na praza do Concello de A Estrada ata o 4 de outubro e polas tardes e durante a fin de semana está aberta a público familiar
Ata o 4 de outubro a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’ permanecerá instalada na praza do Concello de A Estrada para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca –os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155-, e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.
A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata A Estrada para darlle a benvida e saudar a un grupo de alumnos e alumnas de 4º da ESO do CEIP Pérez Viondi, así como a toda a rapazada e ás súas familias que se achegaron ata a carpa da praza do Concello. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o alcalde, José López, o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, aseguroulle ao alumnado que “aquí vides a divertirvos e tamén a aprender como se fala na comarca de Tabeirós -Terra de Montes e a diferenza que hai a como se fala noutras zonas, como por exemplo na costa.” Xosé Leal indicoulles que ”ademais tamén poderedes ver como falades vós e como falan as vosas avoas e os vosos avós, ou as vosas nais e os vosos pais”. O deputado provincial tamén animou a todos os presentes “a volver polas tardes, sen o colexio, acompañados dos vosos amigos e das vosas familias”. A alcalde da localidade, José López explicoulles que “hoxe vimos falar do noso idioma e temos que ter en conta que os idiomas son importantes porque foron construídos para unir e para convivir”. O alcalde tamén aproveitou a ocasión para agradecer a implicación do profesorado dos centros educativos de todo o concello pola súa sensibilidade e participación na iniciativa. Pola súa banda, e en representación da Editorial Bolanda, Tomás Valín explicou que a mostra está concibida “para coñecer todas as maneiras que temos de falar, e para que poidades ver e escoitar como de diferente se fala en cada un dos sitios de Galicia a través de todos estes xogos que temos para vós”.
A exposición, que xa estivo en Pontevedra, Lalín Vilagarcía de Arousa e Moaña, tras pasar por A Estrada, continuará a súa itinerancia por A Cañiza, Caldas, Tomiño, Ponteareas e Vigo.
Estrutura
A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás é o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.
O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase xa na entrada coa ‘Porta das palabras’, onde as rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle unha zona paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e o unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro’, concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua cunha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; cunha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; un gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; e unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, o gran mapa da linguas concibido como un xogo da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.
Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.

Deja un comentario